Carmela Silva cualifica de "amorais" aos deputados do PP por facer un "uso partidista" da traxedia de Tui
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva cualificou de "amorais" aos deputados do grupo provincial do Partido Popular por "montar un numerito" no Pleno deste venres facendo un "uso partidista" da traxedia de Tui onde unha forte explosión nun almacén pirotécnico clandestino provocou 2 mortos, 37 feridos, unha vintena de vivendas completamente destruídas e máis dun centenar danadas.
No pleno da Deputación o PP presentou unha moción "en positivo" por vía de urxencia na que solicitaba que a administración provincial habilitase unha liña de axudas dirixida ao concello de Tui e aos damnificados da traxedia de Paramós. A iniciativa non puido ser debatida ao incumprir co Regulamento, segundo precisou o secretario do Pleno, porque non fora presentada con 24 horas de antelación.
Carmela Silva informou á corporación que esta mesma mañá, en conversación telefónica co alcalde de Tui, acordaron convocar a todas as administracións implicadas na xestión deste accidente para coordinar as súas actuacións, polo que apelou á "humanidade" dos deputados do PP "para aparcar este debate".
A portavoz popular, Elena Muñoz asegurou que coa súa actitude a presidenta da Deputación de Pontevedra "ha mostrado su verdadera cara democrática" ao "impedir" que desde o PP explicasen os motivos desta moción. "Se quiere imponer una sola voz y amordazar a la oposición", acusou.
Segundo dixo Elena Muñoz "lo que están pidiendo las víctimas a gritos son ayudas económicas" e acusou a Carmela Silva de facer unha "utilización política" da traxedia responsabilizándoa de "retorcer el reglamento a mayor gloria de la presidenta de la Diputación".
Pola súa banda, Carmela Silva reprochou ao PP que presentase esta moción "sen falar con ningún grupo político" e coa intención de "poñer en dificultades" ao goberno provincial facendo "uso partidario" co accidente de Tui. Silva valorou como "incomprensible, dramático e doloroso" o ocorrido no pleno ordinario deste venres.
Segundo a presidenta da Deputación, do Partido Popular "todo o mundo sabe que levan desde 1989 vivindo na ilegalidade, dio unha sentenza que coñecemos onte, pero eu crin que na amoralidade non" e engadiu que "eu non podo entender esta forma de actuar, eu xamais o faría".
Ademais Carmela Silva, que afirmou estar "absolutamente afectada" polo sucedido en Tui indicou que "ningunha persoa escoitaríame facer unha análise de quen é o responsable do que ocorreu en Paramós e asegúrolles que teño a miña propia visión" pero non se pronunciou neste sentido "porque me parece que a dor das persoas, a humanidade está por encima de calquera situación de defensa dos principios do partido no que un milita".
Desde o Partido Popular, o seu portavoz insistiu en que a súa moción pretendía "ponernos del lado de las víctimas" e lembrou que "el Partido Socialista y la presidenta de la Deputación no tienen el monopolio del sentimiento y del pesar por lo que ha pasado".
A xuízo de Elena Muñoz, o que ocorreu no Pleno é que "aquí no se quiere colaborar, no se quiere ayudar económicamente", concluíu.