VÍDEO.- Afectados pola explosión de Tui estalan ante a falta de acordo na Deputación: "Queremos unión"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Queremos unión"
"No tenéis humanidad"
"Id vosotros para nuestras casas y nos quedamos las vuestras. ¿Hacemos el cambio?"
"Sinvergüenzas"
Todo son mostras de indignación dun grupo de afectados pola explosión dun almacén clandestino de explosivos en Paramos (Tui) que este venres asistiron ao pleno da Deputación no Pazo Provincial e, ante a falta de acordo entre os distintos grupos políticos para acordar axudas que lles axuden a reparar os danos, estalaron en berros.
Os afectados tomaron a palabra nada máis empezar o pleno e, a través do seu presidente, Salvador García, pediron aos deputados provinciais que ao igual que os veciños intentamos unirnos e comezar a buscar solucións, esperamos o mesmo dos nosos políticos", pois necesitan da axuda de todos, Concello, Deputación, Xunta e Goberno central, que "se xunten e remen con nós na mesma dirección".
Entre outras cuestións, piden que se simplifiquen os requisitos para solicitar axudas, que se amplíen as axudas anunciadas, que haxa axilidade nas tarefas de rebo e que as axudas sexan directas e por vía de urxencia. Son peticións que saen do sentimento de quen 37 días atrás viron saltar as súas vidas polo aire e, tras a intervención do seu portavoz, romperon nun longo aplauso.
Dúas horas despois desa intervención, o útlimo punto da orde do día do Pleno desatou a súa ira. Tratábase de debater unha moción presentada polo grupo provincial do PP para solicitar que a Deputación habilite unha liña de axudas dirixida ao Concello de Tui e aos afectados e, tras un longo debate, non houbo acordo entre os grupos e o PP quedou só votando a favor.
Os grupos de PSOE e BNG presentaron unha emenda á moción 'popular' con peticións para a propia Deputación, o Parlamento, a Xunta e o Goberno estatal, pero o PP non quixo incluíla no texto do documento e os outros dous grupos rexeitaron aprobaron a moción na súa versión orixinal, de modo que a moción saíu rexeitada. Nese momento, os afectados levantáronse e mostraron a súa indignación contra todos os deputados, pero en especial contra os socialistas e nacionalistas.
Durante o debate plenario, Santiago Rodríguez (PP) defendeu que os veciños teñen "razón en demandar mais axudas e, sobre todo, máis áxiles" e afeou ao goberno bipartito PSOE-BNG que a Deputación destinou a reparar os danos da explosión fondos do Plan Concellos xa aprobados para Tui, pero "nin un só euro excepcional".
O portavoz de Marea-SON, Xosé Lois Jácome, tentou mediar e lamentou o cruzamento de acusacións que "en nada axuda ás vítimas", pero non o conseguiu e os ánimos fóronse caldeando no debate.
O vicepresidente provincial e deputado do BNG, César Mosquera, asegurou que leva 27 anos na Deputación, dos que 24 foron con gobernos do PP e en todo ese tempo a institución "nunca sacou ningunha liña de crédito a afectados" como a que agora demandan os 'populares'. Insistiu, ademais, en que desde o ano 2013 é ilegal facer ese tipo de actuacións, de modo que, coa súa moción, o PP "estanos a pedir que prevariquemos".
O deputado do PSOE Carlos López Font mostrou ao PP a súa "profunda vergoña e indignación" pola súa petición e porque tente usar o pleno para "tentar conseguir réditos electorais" e defendeu que a Deputación fixo todo o que estaba nas súas mans para axudar aos afectados e puxo á súa disposición diversos servizos provinciais que levan traballando con eles máis dun mes.