Valongo servirá 5.000 filloas o sábado na súa festa gastronómica
Por Oskar Viéitez
A parroquia cotobadesa de Valongo vai celebrar este sábado, 1 de setembro, a ediciópn número 40 da Festa da Filloa, a cita gastronómica máis antiga do Concello de Cerdedo-Cotobade e na que se servirán 5.000 filloas para os milleiros de visitantes que se agardan nesta edición que, como é habitual, enmárcase nas festas patronais da Virxe do Libramento.
Os festexos foron presentados este mércores polo presidente municipal, Jorge Cubela, a concelleira Galiza Aguete e representantes da comisión organizadora. Explicaron que o certame culinario comezará ás 18.30 horas e contará coa participación de trinta persoas, entre as que se atopan unha vintena de filloeiras que competirán polos distintos premios.
As filloas poranse á venda a un prezo de seis euros por ducia.
As festas da Virxe do Libramento, arrancan este venres, 31 de agosto, ás 21.00 horas cunha gran churrascada con degustación de rosca e coas actuacións de Prisma e 3.com.
Xa o sábado, haberá un pasarrúas matinal do grupo de gaitas Os Catro Ventos, misa solemne ás 13.30 horas e, pola tarde, a Festa da Filloa coa charanga Charandonga e a actuación infantil de ilusionismo co Mago Paco. Esta longa xornada pecharase co concerto de A Roda (22.30 horas), unha gran tirada de fogos de artificio e a verbena con La OcaBand e América SL.
Para finalizar, o domingo haberá, a mediodía, a entrega de agasallos a filloeiras e fundadores, a entrada musical da Banda da Brilat e unha misa cantada polo coro parroquial de Tenorio con posterior procesión acompañada pola citada banda.