O Verán Cultural de Cerdedo-Cotobade contará con 23 actividades
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade pechou a programación do Verán Cultural 2018, que se celebrará ao longo do presente mes en Carballedo e a súa contorna e que contará con 23 actividades de lecer que se desenvolverán en once xornadas. A tradicional programación estival arrincará este venres 10 de agosto coa feira mensual e prolongarase ata o vindeiro luns día 20.
Este sábado 11 terá lugar a iniciativa "Sácame a pasear" en colaboración coa asociación Os Palleiros, un paseo con cans ata a aldea abandonada de Arufe que partirá ás 10.00 horas da Praza do Concello. Pola tarde, ás 19.30 horas disputarase a primeira semifinal do Torneo de Veteranos, mentres que a segunda será á mesma hora ao día seguinte, e o domingo 12 tamén haberá mercado de verán en quenda de mañá na Praza da Chan.
O groso do Verán Cultural 2018 de Carballedo comezará o luns 13 de agosto cunha programación preferentemente infantil. Así, haberá batalla de auga na Praza da Biblioteca (16.00 horas), exhibición de zumba con na Praza da Chan (19.00) e o roteiro "Camiñando baixo as estrelas" (21.00).
O martes 14 haberá unha carreira de orientación desde as 18.00, unha gran churrascada da Asociación Cultural San Miguel de Carballedo ás 22.00 e o concerto do dúo pop Sara e Sofía ás 23.00.
Na xornada festiva do 15 de agosto haberá talleres de manualidades infantís (19.00) e actuación pop-rock de "2con2" na Praza da Chan (21.30), e xa o xoves 16 celebrarase unha excursión ás Dunas de Corrubedo. O venres 17 pola súa banda realizarase a tradicional ofrenda ao gaiteiro Ricardo Portela diante da súa estatua (20.45) e a continuación haberá o festival folclórico coas actuacións da Banda de Tenorio, Banda de Tenorio, Os Trazantes, Os
Afoutes do Canón de Pau e Os Abrentes de Cerdedo.
O sábado 18 de agosto será o Día do Neno desde as 16.00 horas con inchables, xogos de auga, karts e unha Festa da Escuma. Tamén haberá exhibición de Muay Thai e disputarase a final de consolación do Torneo de Veteranos ás 20.00 horas. O domingo 19 terá lugar a final desta competición ás 19.30 horas e ás 21.00 será quenda para o espectáculo de clown "Globotolo".
O Verán Cultural 2018 finalizará o luns 20 co espectáculo "A maxia de Xabi" (19.00) e coa obra de teatro "O caso é ter saúde" (21.00) a cargo da compañía
Malasombra.
A maiores durante todo o mes celébrase o XXVI Torneo de Verán de Tenorio e o sábado 1 de setembro organizarase a tradicional Festa da Filloa de Valongo, que contará coa actuación do grupo musical A Roda.