A alcaldesa de Moraña lamenta o retraso e a Deputación a acusa de entorpecer a mellora da estrada Amil-Espedregueira
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, lamentou este martes "o retraso e a absoluta falla de información" por parte da Deputación de Pontevedra con respecto ao proxecto de mellora da estrada provincial EP-0018 Amil-Espedregueira e declarouse "asombrada" de que o grupo municipal do BNG lle pida dilixencia e rapidez ao Concello para que se acometa este proxecto "cando a administración local non ten que facer ningún trámite e carece de competencias e da titularidade para a realización de xestións para esta obra".
A rexedora local revela que cursou senllas solicitudes de acondicionamento desta vía, especialmente pola súa perigosidade nas zonas de Outeiro e Barro, en decembro de 2015 e en novembro de 2016, pero non obtivo ningunha resposta. Posteriormente, en setembro de 2017 recibiu un correo electrónico dos técnicos da Deputación no que se lle adxuntaba "un simple plano da mellora proxectada". "No rexistro do Concello non entrou nada e do proxecto xa nin falamos", lamentou Piñeiro.
Malia esta ausencia de información e ante a petición de colaboración, a alcaldesa atendeu unha solicitude telefónica para que xestionase os terreos cos propietarios e mantivo unha xuntanza na que só puido ensinarlles o plano, un documento que considera "moi incompleto para un proceso destas características".
"É a Deputación a que ten que xestionar os terreos porque é unha obra da súa competencia e ao goberno de Moraña non lle corresponde facer o seu traballo, pero aínda así reuninme cos afectados, que queren unha indemnización polos terreos ao igual que sucedeu na mellora da estrada Mané-Rebón", explicou Piñeiro, que engadiu que trasladou esta resposta aos técnicos e incluso facilitoulles os teléfonos dos propietarios porque non tiñan os seus contactos.
"Como non son capaces de chegar a acordo cos donos das parcelas van ter que recurrir á expropiación, que loxica e lamentablemente adiará a obra, pero a responsabilidade única e total é da Deputación. O que non se pode é botar ningunha culpa ao noso executivo, porque hai moitas outras obras en Moraña e noutros concellos que precisan de terreos e as administracións competentes, como é o caso da Xunta, fan o seu traballo sen rebotarlle nada ao Concello", manifestou.
Finalmente, a rexedora tamén criticou a postura do BNG local neste asunto: "O goberno de Moraña defende sempre os intereses xerais de Moraña e dos seus veciños por riba de todo e sen atender siglas políticas, mentres que ao BNG elle exactamente igual se se mellora esa estrada, o único que quere é salvar a cara dos seus compañeiros da Deputación tras tres anos de retraso, incluso caendo no ridículo de solicitarnos unha dilixencia nas xestións e os trámites que non nos corresponde". "O que teñen que facer dunha vez é traballar por Moraña e non tratar de xustificar á Deputación, que non ten nin o mínimo respecto institucional por este Concello", concluiu.
RESPOSTA DA DEPUTACIÓN
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai investir máis de 230.000 euros para estabilizar un noiro na estrada provincial EP-0018 no lugar de Amil, en Moraña. O deputado Uxío Benítez explica que as obras consistirán na construción dun novo terraplén e dun muro de escollera que permitirán conter as terras nas que se asenta a estrada e darlle estabilidade para o tránsito de vehículos e de peóns, garantindo así a seguridade viaria.
As expropiacións necesarias para a obra aprobaranse definitivamente no pleno provincial do mes de outubro para pasar logo ás actas e depósitos previos ao tempo que se licita o proxecto. A intención é que as obras sexan unha realidade a primeiros de 2019 e estean listas nun prazo de dous meses. Debido á ubicación do noiro de nova construción preto do regato Xundeiro, a intención é buscar o período de mellor climatoloxía para iniciar os traballos, xa que non sería axeitado comezar en época de chuvias.
Segundo explica Benítez, o proxecto para a estrada da Amil está finalizado dende xullo de 2017. Trasladouse entón a documentación necesaria á alcaldesa de Moraña, quen manifestou a súa vontade de conseguir as fincas dende o Concello. Finalmente, e posto que dende o goberno local non se avanzaba na posta a disposición, a Deputación decidiu levar adiante un expediente expropiatorio para 1.558 metros cadrados.
O deputado nacionalista lamentou a actitude da rexedora nos últimos días e asegurou que as obras poderían estar xa rematadas se non fose polas "idas e voltas" dende o Concello. "Se a alcaldesa tivese aclarado nun primeiro momento que non tiña interese en colaborar e en obter as cesións, a Deputación tería dado todos os pasos da tramitación. O que ocorreu é que por un lado dicía que si conseguía os terreos e por outro non facía máis que entorpecer", subliñou Benítez.