A Deputación supeditará os investimentos nas estradas provinciais atendendo ao seu uso
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra presentou o Plan de aforos 2017, documento no que se recompila e analiza a información obtida sobre o tráfico nas estradas da súa competencia durante o ano 2017.
O obxecto deste documento é coñecer o uso que se fai das estradas de titularidade da Deputación.
O deputado de mobilidade, Uxío Benítez explicou que a rede provincial conta de 377 estradas e case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón o 50% da rede en lonxitude (contando a do Estado e da Xunta), pero que só soporta o 16% do tráfico total. Os datos revelan que en máis da metade das estradas da provincia o número de vehículos diarios non chega aos 1.000, que só 16 estradas soportan un tránsito de máis de 5.000 vehículos e que hai 13 vías que apenas chegan aos 50 vehículos por día.
En canto ás velocidades, os aforos detectaron unha media bastante moderada, pero tamén algunhas estradas que presentan valores moi superiores aos admitidos para a súa tipoloxía e características. De feito, indicou que na EP-0018 entre Xeve-Amil-Espedregueira, preto de casas, os medidores chegaron a detectar vehículos circulando a 130 quilómetros por hora de madrugada, motivo polo que xa se instalaron na zona reductores de velocidade do Plan Móvese.
Trátase dun estudo centrado no número de vehículos que transitan como media ao día nas estradas que compoñen a rede viaria. Obtéñense tamén outros parámetros relacionados coa circulación, necesarios para posteriores estudos de trazado e actuacións de conservación na rede. Este estudo lévase a cabo a partir das medidas reais efectuadas nas estradas cos denominados "aforos". Neste proceso de medición, obtense unha gran cantidade de datos, que foron debidamente tratados e analizados para obter a información máis relevante presentada neste documento.
En conxunto, realizáronse un total de 400 aforos, o que permite ter datos de tráfico cunha distribución espacial representativa, ao haber como mínimo un aforo para cada estrada. Estes datos de tráfico reflíctense nunha ficha por cada estación cos datos de intensidade media diaria en 2017, coa indicación da porcentaxe de vehículos pesados e, entre outros datos, a distribución horaria do tráfico. Cos datos reunidos elaboráronse tamén os mapas de IMD da provincia, nos que se representa con cores a intensidade de vehículos totais e pesados que circulan pola totalidade da rede provincial.
Para a Deputación de Pontevedra este documento é unha ferramenta de traballo fundamental na xestión e explotación das estradas, así como un instrumento para a planificación e decisión de novas actuacións en infraestruturas.