O Carlos Oroza logra a maior colleita da súa horta escolar e atribúeo ao plan de compostaxe
Por Redacción
O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza está a ter nestas semanas resultados espectaculares na horta na que traballa todo o alumnado do centro, que está a dar a maior colleita da súa historia,. Desde a Deputación atribúén esta situación ao uso do compost que se produce ao abeiro do Plan Revitaliza.
Así, segundo indican, só na última semana producíronse máis de 100 quilos de tomates e tamén caixas de xudías, pementos e moitos froitos vermellos, entre outras hortalizas, froitas e plantas aromáticas. A maior parte desta produción estase a repartir entre os colaboradores do crowfunding que permitiu ampliar a zona de cultivo, pero tamén a conxelar para poder utilizar durante o curso.
O director do centro, Manuel Hermo, explica que a horta escolar estaba en marcha xa no ano 2015 e coa chegada do Plan Revitaliza no curso 2016-2017 logrou un pulo moi importante ao comezar a utilizar como fertilizante o compost producido cos biorresiduos do CIFP nos centros de compostaxe da Deputación ubicados nas inmediacións da cociña.
"O uso do compost por suposto que se nota, xa que nos permite ter un bo substrato fertilizado. Nótase que os produtos medran con máis brío. Os tomates, por exemplo, están máis carnosos, teñen máis cor, son máis naturais, como os da casa, que non están calibrados… E temos de diferentes tipos", explicou.
A horta, que ten uns 350 metros cadrados, divídese en bancadas e un invernadoiro para os cultivos específicos. En total cultívanse ata 47 tipos de hortalizas, froitas e herbas segundo tempada, e agora estanse a recoller fundamentalmente tomates, xudías, pementos, acelgas, pepinos, moras ou frambuesas.
No inverno colléitanse repolos, cenorias, rabaniños, apio, allos porros ou grelos, entre outros, que despois son utilizados na oferta gastronómica no restaurante Álvaro Cunqueiro ou na cafetería Suso Domínguez do centro, que están abertos ao público. Para cultivar todas estas 'compo-hortalizas' utilízase todo o compost producido nos centros de compostaxe, que supoñen aproximadamente 15.000 litros anuais xerados dos restos de cociña e vexetais das clases e do comedor.
Agora, a pesares de que a horta funciona como un aula durante as clases, todo o persoal docente e alumnado está en plenas vacacións, pero o profesorado estase a facer cargo de recoller as hortalizas igualmente.
Para o vindeiro curso escolar o centro Carlos Oroza terá unha ocupación de 440 alumnas e un plantel de 50 profesores. Nestes momentos xa están completos os ciclos de cociña, panadería e aloxamento turístico, e aínda quedan prazas de servizo de restaurante, que se pensan cubrir no mes de setembro.
Relacionadas:
-
'Xantar quilómetro cero' no Carlos Oroza para degustar a súa horta e produtos de proximidade
Por Redacción |
-
O Centro Carlos Oroza presenta candidatura ao distintivo 'Selo Vida Saudable' do Ministerio de Educación
Por Redacción |
-
O alumnado do Carlos Oroza profunda na súa formación sobre a compostaxe
Por Redacción |
-
Xapón súmase ao interese internacional polo plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |