Ángel Moldes pide que Carmela Silva interceda ante outras institucións para evitar o peche de Elnosa
Por Redacción
O grupo provincial do PP levará ao pleno da Deputación de Pontevedra unha proposta para que esta institución interceda ante a Dirección Xeral de Costas e todas as administracións con competencias na materia para evitar o peche da factoría Elnosa en Pontevedra.
O voceiro do PP, Ángel Moldes, considera que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, debe interceder ante outras institucións para conseguir o mantemento dos postos de traballo na provincia e tamén reunirse coa dirección da empresa para buscar solucións que permitan á factoría manter a súa actividade e, desta maneira, conservar os empregos.
Moldes acusa a Silva de "mirar cara outro lado" mentres Elnosa anuncia o peche da súa fábrica e considera que esa actitude é "unha incongruencia máis dos socialistas", xa que mentres en Pontevedra desatenden as súas obrigas, gobernos do seu mesmo signo político noutras localidades "pelexan e apoian o asentamento da factoría no seu territorio".
O voceiro dos 'populares' tamén fixo referencia ao acto polo que este mércores o goberno bipartito da Deputación celebrou o seu terceiro aniversario e valorou que "é unha mágoa que non convidaran aos traballadores de Elnosa a ese paripé que fixeron".
"Que lle falen a eles de futuro, e que lles expliquen de paso por que non fan absolutamente nada para garantir a permanencia de Elnosa e dos postos de traballo na provincia", pediulles.
Respecto diso, lémbralles que todas as administracións, e especialmente as deputacións, teñen como competencia cooperar no fomento e desenvolvemento económico e social do seu territorio. Facilitar o asentamento e a permanencia de empresas xeradoras de emprego e riqueza é, ao seu xuízo, a mellor ferramenta para conseguilo.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Elnosa rexeitan o peche da fábrica por silencio administrativo de Costas
Por Oskar Viéitez |
-
A fin de Elnosa é o "primeiro paso", segundo o BNG, para acabar coa "desfeita" na ría
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello pide ao Goberno un control "efectivo" sobre o cese de actividade de Elnosa
Por Alejandro Espiño |
-
Elnosa anuncia aos traballadores a súa intención de pechar o 29 de xullo
Por Alejandro Espiño |