"La Manada" xa non é grata en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Os cinco membros de La Manada son, desde este luns, persoas non gratas en Pontevedra. Así o decidiu a corporación municipal por unanimidade dos concelleiros de BNG, PP, PSdeG-PSOE e Marea no pleno celebrado no Teatro Principal. A edil de Cidadáns non asistiu ao pleno por motivos persoais pero mostrara xa na comisión o seu apoio a esta iniciativa.
Desta forma, José Ángel Prenda Martínez, Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena, Jesús Escudero Domínguez, Ángel Boza Florida e Antonio Manuel Guerrero Escudero xa non son benvidos na cidade do Lérez.
Todos eles, lamenta a corporación, non teñen amosado "o máis mínimo arrepentimento" por ter sometido a una rapaza de 18 a anos a "reiterados actos sexuais", en contra da súa vontade e facendo uso da súa superioridade durante as festas de San Fermín do ano 2016.
Os cinco teñen defendido publicamente, engade a moción aprobada no pleno, o seu "desprezo" pola vítima e sitúan o acontecido nun "plano de normalización", elevándoo a un acto consentido "a pesar de que ninguén o entende".
Ante esta situación, o tribunal que os xulgou, a Audiencia de Navarra, utiliza argumentacións "difíciles de entender", primeiro cualificando os feitos como abusos sexuais e, posteriormente, deixándoos en liberdade ao non prorrogar a prisión preventiva ata que a sentenza sexa firme.
Os agresores desta rapaza non poden entrar en Madrid, pero si moverse libremente por todo o Estado, o que para os políticos de Pontevedra supón "confinar á moza nunha furna de cristal", permitindo a "libre deambulación" dos agresores por todo o país.
Carmen Fouces, edil do BNG -partido que impulsou esta moción-, explicou que "urxe" analizar e "reparar" a mirada dos tribunais cara este tipo de feitos, que representan un "tipo de ocio" no que homes "covardes" atacan a mulleres "adormecidas" por substancias químicas para que non opoñan resistencia.
Esta sentenza debería ter sido "exemplar", segundo Fouces, para mandar unha mensaxe a todos aqueles que utilizan "esta mesma táctica" para levar a cabo as súas "fechorías". No lugar diso, tras a resolución xudicial eses grupos "ouvean como lobos envalentonados e seguros de que o sistema será benevolente con eles".
Ante esta situación, a corporación pontevedresa "recolle o clamor da rúa" e non só apoian todas as accións de rexeitamento que se organicen, senón que deciden con esta declaración como persoas non gratas "dar un paso máis" para denunciar esta "inxustiza social".
Este tipo de agresións sexuais, finaliza o acordo plenario, son a "arma máis empregada para librar unha guerra contra as mulleres" e o caso de La Manada é o "cumio do iceberg" que debe ser aproveitado para visibilizar centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor "con moita máis frecuencia da que nós pensamos".
"Que saiban todas as vítimas anónimas que estamos con elas e que non nos doen menos. E que todos e todas entendamos que o silencio nos condena", advertiu a corporación.
Esta declaración como persoas non gratas será trasladada aos avogados dos cinco membros de La Manada e, tamén, á representación legal da vítima "para que sexa coñecedora do apoio real que ten".
Relacionadas:
-
Convocan unha concentración para este luns na Audiencia Provincial contra a sentenza á "Manada de Manresa"
Por Redacción |
-
Pontevedra, declarado concello contrario á tortura animal
Por Natalia Puga |
-
Jacobo Moreira renunciará a súa acta de concelleiro no pleno do 16 de xullo
Por Redacción |
-
Pontevedra pide que se declare "non gratos" en toda Galicia aos membros de La Manada
Por Alejandro Espiño |
-
Traballadores da xustiza critican a posta en liberdade de 'La Manada': "estoy perdiendo la vocación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva esixe un "cambio mental" na xudicatura e reformas no código penal
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, na rúa contra a "Xustiza patriarcal" que deixa a 'La Manada' en liberdade
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |