Carmela Silva esixe un "cambio mental" na xudicatura e reformas no código penal
Por Oskar Viéitez
"Paréceme gravísimo, non ten ningunha explicación e é inxustificable esa liberdade provisional para os violadores". A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou o seu rexeitamento ante a liberdade provisional para "os violadores da Manada".
"Non o podo entender, non o comparto e é inxustificable. Xa sei que o politicamente correcto é dicir que respectamos as decisións xudiciais pero eu non podo respectar algo inxusto", asegurou Carmela Silva este venres en rolda de prensa.
A presidenta provincial fixo fincapé na necesidade dun "cambio mental" no mundo da xudicatura e tamén de reformar o Código Penal. "Necesitamos un cambio de mentalidade no mundo xudicial que ten que ir da man da incorporación da educación de xénero no Grao de Dereito", asegurou.
Carmela Silva manifestou que a educación en igualdade "debería ser unha materia obrigatoria" ao longo de todos os cursos de Dereito, ademais dun contido transversal, e que en todas as oposicións se teñen que introducir nos temarios contidos relacionados coa igualdade e coa loita contra as violencias machistas.
Silva tamén amosou a necesidade de que a educación en igualdade vaia "máis aló dos estudos de Dereito". A presidenta provincial incidiu en que "precisamos estender os contidos de xénero na educación dende o berce para evitar situacións tan inxustas como esta".
A presidenta da Deputación de Pontevedra comentou que cando coñeceu polas redes sociais a decisión xudicial "non o cría, pensaba que eran fake news, sobre todo porque o propio presidente do tribunal estaba en contra da liberdade provisional e a maioría das persoas da xudicatura aseguraban que non era obrigado dar esa liberdade, que era interpretable, xa que existe a posibilidade de fuga dos violadores".
Relacionadas:
-
"La Manada" xa non é grata en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno provincial pide a abolición da prostitución
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores da xustiza critican a posta en liberdade de 'La Manada': "estoy perdiendo la vocación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, na rúa contra a "Xustiza patriarcal" que deixa a 'La Manada' en liberdade
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |