A III Festa Gastronómica da Emigración chega para encher de público a fin de semana de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello xa ten pechados todos os detalles para a celebración da III Festa Gastronómica da Emigración, o evento que se celebrará entre a noite deste venres 6 de xullo e o mediodía do domingo, día 8, para render homenaxe á cociña típica dos países irmandados con Ponte Caldelas a través dos fluxos migratorios.
A singular festa gastronómica, que ofrece pratos típicos a 5 euros, bebida incluída, converteuse en só dous tres anos nunha peza central da ampla programación sociocultural caldelá demostrando que é quen de atraer a milleiros de persoas.
Na Alameda repiten os establecementos de hostalería local, encabezados polo Mexicano de Tourón (cociña mexicana), Tapería Alalá (venezolana), Verdugolandia (uruguaia) e O Recanto (Estados Unidos). Estará tamén o Rodicio de Porteliña (Poio), representando á gastronomía brasileira, coa que Ponte Caldelas ten unha fonda relación.
A variedade gastronómica complétase con establecementos hostaleiros foráneos que traerán pratos típicos da cociña portuguesa, italiana e española, ampliando así a oferta do ano pasado. Tamén haberá unha "polbería" con polbo á feira como prato galego. A relación complétase coas panadarías locais, Pan de San Antonio e Pecas, que proveerán un amplo surtido de empanadas e doces. O último posto dispoñible estará ocupado por un bar móbil que ofrecerá tamén mexillóns.
O Concello ocúpase da instalación de toda a loxística, os stands e as mesas, cunha capacidade total para 1.200 comensais. Ademais atende o servizo de recollida das mesas.
O equipo municipal, despois do espectacular crecemento do ano pasado, cando se alcanzaron os 15.000 pratos vendidos, parte sen outra expectativa que a de manter o nivel de calidade alcanzado. A única preocupación, que viría do lado da meteoroloxía, está despexada pois as previsións falan de tempo soleado e non demasiada calor.
A Festa Gastronómica da Emigración conta tamén co aliciente das actuacións musicais en directo a cargo da charanga Charandonga, os mariachis Amigos de México e de Leonardo Flores, os grupos tradicionais Nós tamén imos e Airiños da Fracha e, finalmente, da batucada brasileira Olodum do Coio. Ademais, as noites do venres e do domingo pecharanse co espectáculo da Queimada Galega e unha degustación gratuíta.
Unha enquisa realizada o ano pasado entre os titulares dos doce postos desta singular festa gastronómica saldouse cunha nota media de 9,5 sobre 10.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas alcanza os 18.000 pratos vendidos na Festa Gastronómica da Emigración
Por Redacción |
-
A Festa Gastronómica da Emigración achega a cociña máis diversa a Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O programa de festas de Ponte Caldelas convértese no Códice Caldelino
Por Redacción |
-
A Festa Gastronómica da Emigración de Ponte Caldelas serviu 15.000 pratos
Por Oskar Viéitez |