A Festa Gastronómica da Emigración achega a cociña máis diversa a Ponte Caldelas
Por Redacción
Este venres comezaba a terceira Festa Gastronómica da Emigración en Ponte Caldelas na que, ata o mediodía deste domingo 8, os asistentes poden degustar as cociñas de México, Brasil, Portugal, Venezuela, Estados Unidos, Uruguai, Cuba, España e Galicia por un prezo único de 5 euros, que inclúe bebida.
A Alameda convértese, desta forma, nun centro culinario con máis de 1.200 asentos e música de animación, que na primeira sesión correu a cargo dunha charanga e un mariachi. A festa durante a xornada do venres finalizou co esconxuro da tradicional queimada galega, que foi degustada polos asistentes.
Este sábado haberá dúas citas gastronómicas, durante a comida e a cea. Nesta ocasión, o espectáculo virá da man da batucada brasileira e con outro mariachi.
O evento finalizará coa comida do domingo e o goberno local espera a presenza de miles de visitantes.