O programa de festas de Ponte Caldelas convértese no Códice Caldelino
Por Redacción
Un incunable datado en maio de 2018. Así é o programa de man das festas de Ponte Caldelas, que chega este ano disfrazado de Códice Caldelino. Máis de 80 actividades para gozar das festas da Vila do Verdugo. Un extenso calendario que arrancou o pasado día 1 coa Festa Sevillana e que rematará alá polo 23 de setembro coa última excursión do ano.
O Goberno local caldelán opta por unha estética medieval chea de humor e en plena sintonía co espírito do Entroido de Verán, unha das pezas fortes da programación caldelá.
"O Códice de antigüidade insignificante" está dividido ao igual que o famoso tomo no que se inspira en cinco libros que levan por título: Guía para non perderse nada, Dun Entroido que se celebraba en Verán, Sobre a Festa Gastronómica do Emigrante e Celebrando as Festas das Dores. O quinto libro conta a fermosa historia do acontecido tralos incendios forestais baixo o epígrafe "De cando os caldeláns recuperaron os montes con palla, coa axuda duns Irmandiños moi solidarios".
O Códice Caldelino terá unha tirada de 15.000 exemplares porque está pensado para ser repartido non só por Ponte Caldelas, senón tamén por oficinas de turismo e establecementos hoteleiros das cidades próximas.
En canto á programación festiva, os pratos fortes volven ser o Entroido de Verán, que chega reforzado polo éxito da súa estrea o ano pasado. Ao tempo que se celebra o concurso de tapas de xullo chegará a Festa Gastronómica do Emigrante, baseada na exaltación da cociña típica dos países da emigración. A última fin de semana de agosto celebraranse as Festas das Dores, que teñen na programación musical o prato forte, tanto co festival Caldelas Xove como cas verbenas, capitaneadas polas orquestras París de Noia e o Combo Dominicano. A cultura volve estar moi presente con teatro (destaca a representación de "Estás aí?" por Redrum Teatro), música (Treixadura á cabeza), cantos de taberna ou cinema na rúa. Haberá tamén actividades de pura diversión, como a percuterapia ou monólogos. O deporte está representado pola Subida automobilística a Ponte Caldelas e a BTT Troita, de bicicleta de montaña.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas estreará un Plan de Autoprotección para as Festas das Dores
Por Redacción |
-
A III Festa Gastronómica da Emigración chega para encher de público a fin de semana de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Un milleiro de persoas participarán o sábado no Entroido de Verán de Ponte Caldelas
Por Redacción |