Ponte Caldelas alcanza os 18.000 pratos vendidos na Festa Gastronómica da Emigración
Por Redacción
A terceira edición da Festa Gastronómica da Emigración de Ponte Caldelas volveu ser todo un éxito. Os pratos da cociña dos países relacionados coa diáspora galega triunfaron de novo entre veciños e visitantes. O balance municipal destaca que, durante toda a fin de semana, servíronse 18.000 pratos. É un lixeiro aumento con respecto ao ano anterior.
O dato máis importante, segundo o Concello, é a valoración moi positiva da calidade da oferta culinaria e da atención.
Esta edición supuxo un gran avance ao introducir novos pratos de cociña italiana e portuguesa e mellorando a oferta anterior de gastronomía española, fitos que foron posibles gracias á entrada do catering Valenciaga e do restaurante pontevedrés La Viuda.
Con eles, tamén o local La Tribu, que ofreceu mojitos cubanos para os que quixeron apurar a festa cunha boa sobremesa.
As facilidades para atopar espazo nas mesas instaladas na Alameda, dotadas cun total de 1.200 cadeiras, 200 máis que o ano pasado, foi outro aspecto destacado. Mesmo nas noites do venres e do sábado, servizos nos que volveu rexistrar a maior afluencia popular, non houbo graves problemas para atopar sitio.
O público tamén destacou que as colas nos restaurantes de maior éxito, que volveron ser os das especialidades brasileiras e mexicanas, tamén se reduciron considerablemente por mor do reforzo de persoal que trouxeron este ano.
Outro dos fitos da festa foi a queimada. A Asociación de Amigos da Troita ocupouse este ano do feitizo e elaboración, converténdoo nun auténtico espectáculo. Do éxito dá conta o feito de que se serviron un total de 40 litros de beberaxe e xa hai que ir pensando en ampliar para o ano próximo.
O equipo municipal está tamén satisfeito da animación musical, outro dos aspectos destacados polos asistentes, e que volveu ter nos mariachis Amigos de México e de Leonardo Enríquez, a peza fundamental, sen esquecer ás charangas Os Catro Ventos e Airiños da Fracha, nin á batucada Olodum do Coio.
Relacionadas:
-
A cociña internacional, reclamo da IV Festa da Emigración
Por Redacción |
-
O Grove dedica o mes de setembro á emigración meca
Por Redacción |
-
A Festa Gastronómica da Emigración achega a cociña máis diversa a Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A III Festa Gastronómica da Emigración chega para encher de público a fin de semana de Ponte Caldelas
Por Redacción |