Un cento de novos ciberexpertos en Marín
Por Redacción
Un total de 100 escolares de sexto de primaria dos colexios CPR A Inmaculada Concepción e CPR San Narciso de Marín convertéronse este venres oficialmente en ciberexpertos tras superar o programa específico de formación organizado pola Policía Nacional.
Estes cen escolares son os primeiros de Marín en lograr o recoñecemento, que xa teñen outros alumnos de centros de Pontevedra e que forma parte do plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas.
A secretaria xeral en funcións da Subdelegación do Goberno, María Isabel Alonso de Linaje Calzada; a concelleira de Benestar Social de Marín, Marián Sanmartín; o comisario xefe provincial de Pontevedra, Manuel Bouzas; e o xefe en funcións da Comisaría de Marín, Gustavo Carballido, entregaron este venres os carnés aos escolares que finalizaron con éxito este programa de formación.
Durante os meses de abril e maio os delegados de Participación Cidadá da Comisaría da Policía Nacional impartiron dez sesións de traballo en bloques temáticos para formar aos alumnos en pautas seguras no uso da internet e redes sociais.
As dez temáticas que recolle o proxecto son ciberacoso, grooming, sexting, suplantación de identidade, comunidades perigosas, acceso a contido inapropiado, xestión da privacidade e identidade dixital, etiqueta e mediación parental.
Tras superar un test final con moi bo resultado, os alumnos recibiron o carné que os acredita como ciberexpertos e os seus colexios quedaron acreditados para o seu acceso á web de ciberexperto, a cal contén todo o material e ferramentas necesarios para concienciar e sensibilizar aos alumnos no uso responsable da internet e detectar os riscos e problemas que poidan atopar.
A participación dos centros educativos no proxecto é voluntaria e poden solicitalo a través do correo seguridadescolar@policia.es, na páxina web ou nas delegacións de participación cidadá.
Relacionadas:
-
Marín estrea oitenta ciberexpertos
Por Redacción |
-
15 escolares de Ponte Sampaio xa presumen de ser ciberexpert@s para moverse con seguridade nas redes
Por Victoria Regueira & Anxo Lourido |
-
"Si la niñas dicen que sí o dicen que no, tenemos que respetarlo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Trinta escolares de Salcedo, expertos en ciberseguridade
Por Redacción |
-
Os escolares de Marcón, ciberexpertos con carné
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |