Trinta escolares de Salcedo, expertos en ciberseguridade
Por Redacción
Un total de 30 alumnos do CEIP Cabanas de Salcedo lograron o carné de ciberexperto que concede a Policía Nacional para acreditar que teñen formación en materia de seguridade. Recibíronos este mércores de man da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, e o comisario provincial da Policía Nacional, Manuel Bouzas.
Durante o curso pasado, un total de 21 alumnos de sexto de Primaria do CEIP de Marcón convertéronse nos primeiros escolares con carné de ciberexperto de Galicia e agora súmase este segundo centro público pontevedrés.
Os estudantes de Salcedo, tamén de sexto de primaria, asistiron a charlas impartidas polos delegados de Participación Cidadá da Comisaría de Pontevedra e superaron varios exames que acreditan a súa formación en ciberacoso, grooming, sexting, suplantación de identidade, comunidades perigosas, acceso a contido inapropiado, xestión da privacidade e identidade dixital, netiqueta e mediación parental.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra sinalou, durante o acto de entrega dos documentos, que "temos que protexer aos nosos menores e para iso, ademais da contorna familiar e educativa, é fundamental contar coa axuda de profesionais na formación, como a Policía Nacional".
"Loitemos xuntos por unha maior seguridade e tranquilidade na contorna infantil e xuvenil", pediu Ana María Ortiz, que engadiu que "os menores deben ser coidadosos coa súa intimidade, cos seus datos de carácter persoal e deben ser prudentes, pois é moi fácil suplantar ou facerse pasar por outro nestes medios tecnolóxicos"
A responsable política lembrou ao alumnado que "sempre deben asegurarse de coñecer á persoa á que agregan ás súas redes sociais", un ensino que xa recibiron para poder conseguir este carné, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.
O colexio de Cabanas quedou acreditado para o seu acceso á web de Ciberexpert@, a cal contén todo o material e ferramentas necesarios para concienciar e sensibilizar aos alumnos no uso responsable da internet e detectar os riscos e problemas que poidan atopar.
A participación dos centros educativos no proxecto é voluntaria e poden solicitalo a través do correo seguridadescolar@policia.es, na páxina web ou nas delegacións de Participación cidadá.
Relacionadas:
-
Ponte Sampaio empeza a formarse para ser un colexio ciberexperto
Por Redacción |
-
"Si la niñas dicen que sí o dicen que no, tenemos que respetarlo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un cento de novos ciberexpertos en Marín
Por Redacción |
-
Os escolares de Marcón, ciberexpertos con carné
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |