Cerdedo-Cotobade financiará a creación 14 depósitos de auga no municipio
Por Redacción
Sete depósitos de auga no territorio de Cerdedo e outros sete en Cotobade. A ese fin destinará o goberno municipal máis de 200.000 euros, que serán entregados ás respectivas comunidades de augas a través de subvencións nominativas.
O presidente municipal, Jorge Cubela, defendeu esta actuación "porque o subministro de auga á poboación é unha competencia municipal, porque a administración debe liderar a implantación de medidas contra a seca e por tratarse de obras de interese xeral".
"Ao revés do que pasa en Vigo, que tratan de buscar unha solución cando xa teñen un problema, nós tratamos de adiantarnos á forte situación de seca dos últimos anos e evitar unha situación de desabastecemento", engadiu Cubela ante as críticas do PSOE a estas subvencións.
Os socialistas, con Lina Garrido á fronte, denunciou que estas axudas foron informadas desfavorablemente polos técnicos municipais, ao entender que se pretende financiar obras privadas con cartos públicos.
Entende que esta medida "supón un agravio comparativo" para o resto das comunidades de auga que tiveron que pagar os seus depósitos de auga e tamén un "despilfarro total e absoluto" dos cartos que ten o Concello á súa disposición.
"Non hai pouco que non chegue nin moito que non se acabe e eso é o que vai suceder no Concello de Cerdedo-Cotobade que actualmente goza dunha boa saúde económica pero que non tardará en tambalearse debido ao despilfarro co que os seus gobernantes están actuando", sinalou a voceira socialista.
A este respecto, Cubela lamentou que os socialistas critiquen estes investimentos, que se realizarán con axudas finalistas municipais, xa que "o único que fan é retorcer a realidade e non ser consecuentes co que fan todas as administracións, incluíndo as rexidas polos socialistas, para colaborar con obras de interese xeral e utilidade pública".
Neste sentido, indicou que o Concello ten concedido, dun xeito perfectamente legal e amparado polos servizos técnicos xurídicos, subvencións a prol de comunidades de montes, asociacións culturais e moitas outras para que acometan actuacións en bens da súa titularidade "e faise porque responde a un interese xeral".
"Queren retorcer este proceso como se lle estivéramos pagando o arranxo dunha casa a un veciño e saben que non é así", concretou o presidente municipal.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade construirá nove depósitos para garantir o subministro de auga
Por Redacción |
-
213.000 euros de investimento para mellorar o abastacemento de auga en Cerdedo
Por Redacción |
-
Mantense a pre-alerta pola seca na conca do Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Renovan a captación de augas para garantir o abastecemento ás 15 casas da aldea de Lourido
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade busca garantir o abastecemento de auga
Por Redacción |