Cerdedo-Cotobade construirá nove depósitos para garantir o subministro de auga
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade afronta a fase final da mellora do abastecemento coa creación de nove depósitos de auga no territorio de Cerdedo que permitirán afrontar nas mellores condicións a crecente seca e garantir o subministro da poboación ante posibles continxencias.
Por este motivo, o presidente e o vicepresidente municipais, Jorge Cubela e José Balseiros, veñen de manter unha xuntanza informativa coas comunidades de augas, de montes e veciñais beneficiarias para coñecer o estado actual dos proxectos e resolver posibles atrancos, xa que as infraestruturas teñen que estar finalizadas antes de que conclúa o presente exercicio.
En concreto, os lugares beneficiarios recibirán subvencións nominativas para estas obras por un importe global de 265.000 euros que se desglosan do seguinte xeito: Tresaldeas (28.554 euros), Os Castros-Outeiro (34.032 euros), Framil-Peniñas (26.029 euros), Vilalén (26.016 euros), Meilide (33.477 euros), Covas (26.058 euros), Cabenca-Revolta (38.568 euros), Vilar (26.058 euros) e Filgueira (26.058 euros).
Durante a xuntanza, na que tamén participaron os concelleiros José Luis Crujeiras, Emma Valiñas e Yolanda Mariño, coñeceuse que o depósito de Meilide xa está rematado e outros catro atópanse a piques de acabarse, mentres que os catro restantes afrontan nestes días os traballos de explanación do terreo. En principio, as obras avanzan a bo ritmo e, máis aló de pequenos axustes, agárdase que estean concluidas sobradamente neste trimestre.
O Concello tamén aposta por sete depósitos máis en Cuqueira, Boliñas, Rebordelo, Xesteira, Susteliño, Ponte Borela e Coutiño.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade mellorará o sistema de abastecemento de auga en seis localidades
Por Redacción |
-
Rebordelo construirá o seu depósito de auga no primeiro semestre do ano
Por Redacción |
-
213.000 euros de investimento para mellorar o abastacemento de auga en Cerdedo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade financiará a creación 14 depósitos de auga no municipio
Por Redacción |