'El Chicle', unha semana na Lama con insultos doutros internos e interese polos deportes

Por Natalia Puga
José Enrique Aubín Gey, coñecido como 'El Chicle' e autor confeso da desaparición e morte de Diana Quer, cumpre este mércores a súa primeira semana no centro penal da Lama. Chegou procedente da prisión coruñesa de Teixeiro e, desde entón, permanece nunha cela cunha parede acristalada no módulo de enfermería e con apenas contacto co resto dos presos. A pesar diso, nas contadas ocasións nas que si compartiu espazo con outros internos, o encontro resultou desagradable e proferíronlle insultos.
Fontes penais consultadas por PontevedraViva indicaron que unha das veces que saíu da cela cruzouse no corredor cun grupo de presos que agardaban no módulo de Enfermería. Nese momento, os outros internos empezaron a insultalo e el optou por baixar a cabeza e taparse cunha peza de roupa.
A Dirección Xeral de Institucións Penais está a aplicarlle o protocolo de prevención de suicidios. Fontes consultadas indicaron que se fai porque así o establece o regulamento e a súa circunstancia persoal, non porque a José Enrique Abuín se lle vexa un perigo real de que tente acabar coa súa vida. Si está co ánimo baixo.
Os traballadores do penal realízanlle unha vixilancia especial e, ademais, na cela pegada á súa, que ten unha parede de cristal, hai outro preso de confianza da prisión que actúa de 'sombra' e acompáñao de forma permanente.
Están a aplicarlle, en concreto, o artigo 10 da Lei Orgánica 1/1979, do 26 de setembro, Xeral Penal, que regula o tratamento para os internos cualificados de perigo extremo ou para casos de inadaptación aos réximes ordinario e aberto. Caracterízase por unha limitación das actividades en común dos internos e por un maior control e vixilancia sobre os mesmos na forma que regulamentariamente se determine.
Fontes consultadas engaden que José Enrique Abuín ten posibilidade de comunicacións co exterior e nos primeiros días non chamou a ninguén, pero logo si usou as chamada telefónicas autorizadas. Nesas comunicacións non consta que falase con ninguén da súa familia, pero si con outros achegados. En todo caso, non consumiu todos os minutos de chamadas aos que ten dereito.
Ademais, tan só recibiu a visita do que ata o venres era o seu avogado, José Ramón Sierra. Iso si, ata o penal achegáronse xa varios letrados que se ofreceron para levar o seu caso tras a renuncia do seu anterior defensor. De momento, non consta que se decantou por ningún, pero si que ten ofertas mesmo para levar a súa defensa gratis.
Un dos trazos da súa personalidade que está a aflorar na prisión é a súa afección polos deportes. Hai anos que practica deporte de forma habitual e unha das súas obsesións é o ' running', que lle levou a participar en carreiras populares e maratóns por toda Galicia. No cárcere xa mostrou o seu interese por participar no programa de actividades deportivas que existe nas instalacións.
Ademais, ás persoas coas que fala trasládalles que el segue insistindo na versión oficial que achegou á Garda Civil sobre o que ocorreu o 22 de agosto de 2016, madrugada na que desapareceu Diana Quer. O informe preliminar da autopsia revelou que Diana morreu por estrangulamiento, pero el mantén que a matou por accidente ao atropelala na Pobra do Caramiñal, e logo asustouse e desfíxose do cadáver.
As mesmas fontes indicaron que esta non é a primeira vez que 'El Chicle' está na Lama. Hai doce anos, en 2005, tamén foi enviado a este penal pontevedrés durante o breve período de prisión preventiva que determinou o Xulgado de Noia tras a denuncia presentada pola súa cuñada -irmá xemelga da súa muller- por un presunto delito de violación. O caso acabou arquivado porque o xulgado non atopou probas que acreditasen a denuncia.
Relacionadas:
-
'El Chicle' deixa A Lama tras máis de oito meses e trasládano a León
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', sometido a unha avaliación pericial na Parda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Juan Carlos Quer asume a xestión en Change da petición para negar a derrogación da Prisión Permanente Revisable
Por Redacción |
-
'El Chicle', sen avogado, sen contacto coa súa familia e sen información do exterior na Lama
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', nunha cela acristalada na Lama baixo o protocolo de prevención de suicidios
Por Natalia Puga |
-
A familia de Diana Quer dispara a petición de firmas promovida polo caso do parricida de Moraña
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', trasladado á prisión da Lama por motivos de seguridade
Por Natalia Puga |