'El Chicle' deixa A Lama tras máis de oito meses e trasládano a León
Por Natalia Puga
José Enrique Aubín Gey, coñecido como 'El Chicle' e autor confeso da desaparición e morte de Diana Quer, deixou a prisión pontevedresa da Lama tras máis de oito meses e xa se atopa cumprindo prisión preventiva no centro penal de Mansilla de las Mulas, en León.
Segundo puido saber PontevedraViva, o traslado produciuse na mañá deste xoves, de modo que 'El Chicle' xa pasou a súa primeira noite no novo centro penal. Deixou o penal pontevedrés á primeira hora da mañá, sobre as 7.00 horas, nun furgón da Garda Civil aproveitando as conducións habituais de presos entre prisións que se producen cada semana.
O traslado de 'El Chicle' fora solicitado pola dirección do centro en varias ocasións desde a súa chegada, pero os xulgados que teñen abertas tres investigacións distintas contra el rexeitábano, pois o momento procesual no que se atopaban as distintas causas recomendaban que se atopase en Galicia por se era necesario realizar novas dilixencias de investigación.
Finalmente, foi trasladado unha vez que o pasado xuño xa se realizou a reconstrución dos feitos da noite do 22 de agosto de 2016 en que desapareceu Diana Quer da localidade da Pobra do Caramiñal e que esta mesma semana o Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira deu por finalizada a investigación xudicial relativa ao intento de secuestro e violación dunha moza á que abordou o día de Nadal de 2017 na localidade coruñesa de Boiro e tentou meter no maleteiro dun coche, o caso que levou á súa detención o 29 de decembro e que á súa posterior confesión sobre o paradoiro do cadáver de Diana.
O traslado está motivado por cuestións de seguridade. Xa chegara ata A Lama en xaneiro porque na prisión de Teixeiro detectáronse riscos potenciais pola presenza nese centro está a cumprir condena un preso do clan de narcotraficantes de Vos Fanchos co que no pasado vinculouse a 'El Chicle' e co que ten desavinzas coñecidas despois de que ambos foran detidos no marco dunha operación contra o narcotráfico no ano 2007. Supostamente, delatouno neste operativo, que acabou con el condenado xa en firme a dous anos e medio de prisión por un delito de tráfico de drogas.
‘El Chicle’ atópase en prisión preventiva polos casos relativos ao secuestro e morte de Diana Quer, o intento de secuestro e violación da moza de Boiro e a agresión sexual da irmá xemelga da súa esposa no ano 2005, pero tamén cumprindo esa condena por tráfico de drogas.
Na Lama non se detectaron incidentes graves relativos á seguridade de ‘El Chicle’, pero si dificultades na convivencia. Permanecía nunha cela cunha parede acristalada no módulo de enfermería e con apenas contacto co resto dos presos, pero, a pesar desas medidas, nas contadas ocasións nas que si compartiu espazo con outros internos, o encontro resultou desagradable e proferíronlle insultos.
Relacionadas:
-
'El Chicle', sometido a unha avaliación pericial na Parda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
'El Chicle', unha semana na Lama con insultos doutros internos e interese polos deportes
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', sen avogado, sen contacto coa súa familia e sen información do exterior na Lama
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', nunha cela acristalada na Lama baixo o protocolo de prevención de suicidios
Por Natalia Puga |
-
'El Chicle', trasladado á prisión da Lama por motivos de seguridade
Por Natalia Puga |