Pontevedra vive unha Biciweek porque 'En bici mola'
Por Natalia Puga
Pontevedra vivirá entre este mércores 17 e o domingo 21 de abril unha 'Biciweek', toda unha semana de actividades adicadas "á promoción do uso da bicicleta pola cidade".
O concelleiro de Accesibilidade Ciclista, Miguel Filgueira, presentou a campaña, que leva o lema 'En bici mola. Pontevedra, bicidade,' na que dende o Concello de Pontevedra aproveitarán para "enviar mensaxes de como usar a bici polo casco urbano". Ademais, adiantou que "faremos actividades ao longo do ano coa mesma finalidade" e para facer chegar aos usuarios da bicicleta que "a cidade está concibida para a convivencia, pero sempre respectando aos máis débiles, que son os peóns".
Acompañado de representantes de asociacións como Masa Crítica ou empresarios do mundo da bicicleta, o concelleiro explicou que a campaña comezará o mércores 17 cunha exposición de bicicletas antigas e curiosas na avenida de Santa María.
Rematará coa Pedalada 2013 a partir das 11.00 horas do domingo 21. Sobre esta convocatoria anual da marcha ciclista familiar pola cidade, indicou que esperan que "participen a maioría dos pontevedreses" e que "está dedicado a toda a familia".
A partir das 17.00 horas, tras a Pedalada, haberá na avenida de Monteiro Ríos unha reunión de usuarios das Bici Fixer, bicicletas urbanas de piñón fixo, e unha exhibicion de bicicletas e habilidades.
O sábado e o domingo celebrarase na praza da Ferrería unha Bicimostra, que incluirá unha exposición de bicicletas e complementos, mercado de segunda man, xincana infantil e talleres de mantemento de bicicletas.
As actividades prolongaranse o mes de maio coa iniciativa 'Natureza sobre Rodas', que consitirá en "visitas guiadas por lugares do concello para toda a familia, non serán en plan deportista, senón turística". Serán por Salcedo, A Xunqueira de Alba e a Enseada de San Simón.
Relacionadas:
-
A "exitosa participación" na Biciweek fai pensar xa en novas edicións
Por Redacción |
-
Pontevedra renova o seu 'amor' pola bicicleta cunha multitudinaria pedalada popular
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Un vendedor da ONCE, Premio Mobilidade Ciclista por usar a bici "chova ou faga bo tempo"
Por Natalia Puga |
-
A exposición de bicis do CITA só estará aberta ata o domingo
Por Oskar Viéitez |