A exposición de bicis do CITA só estará aberta ata o domingo
Por Oskar Viéitez
O CITA (Centro de Interpretación das Torres Arzobispais) acolle ata o domingo 21, unha exposición de bicicletas antigas e curiosas.
Exemplares cedidos por artesáns coma Francisco Salgado, de Caldas de Reis, que adícase a restaurar bicicletas e que aportou unha do ano 1959 de piñón fixo, que se mostra xusto á beira dunha agresiva bicicleta de descenso total, cedida pola tenda MotoBike, e en fronte dun modelo histórico do ano 1949 cedido por Jesús Guerra, de Cangas.
Entre as curiosidades destacan dúas réplicas de velocípedos centenarios, prestados pola tenda de náutica Gonvel e polo ex profesor de educación física, Rafael Fis.
Atopámonos tamén á bicicleta coa que se gañou un campionato de España de ciclismo en ruta, unha Colnago italiana ou unha bolero BH, o colmo do deseño nos anos 70. Tamén está a primeira bici plegable 50x50, o primeiro modelo que circulou por España. E tamén hai algunha que non percorreu nin un só metro, é o caso dunha bici do triatleta Javi Gómez Noya, está sen estrear, é unha bicicleta de longa distancia en fibra de carbono, pura tecnoloxía.
Singular tamén resulta unha bicicleta sen ningún punto de soldadura, pero a máis rechamante resulta unha bici tándem de catro prazas fabricada por Chicho, un veciño de Catantodarea.
Para quen queira visitar esta recomendable exposición o horario de apertura do CITA é:
- Xoves, venres e sábado: 11:00-14:00 horas e 18:00-21:00 horas
- Domingo: 11:00-14:00 horas.
Preside a mostra unha bicicleta de cor branca, que segundo nos explica o organizador da exposición, Juan García trátase "dun símbolo para os ciclistas, unha homenaxe para os falecidos na estrada ".
Juan García tamén é o responsable da sorprendente decoración que estes días divirte á cidadanía con bicicletas colgadas dos lugares máis insospeitados. Trátase de 20 bicis que estaban totalmente desfeitas e déuselles unha man de pintura logo de xubilarse do Pillabici.