Un vendedor da ONCE, Premio Mobilidade Ciclista por usar a bici "chova ou faga bo tempo"
Por Natalia Puga
Ramón Bertolo é un veciño de Pontevedra de 41 anos que utiliza a bicicleta como modo de transporte diario, tanto en verán coma en inverno, "chova ou faga bo tempo". Esta afección fíxoo merecedor do Premio Mobilidade Ciclista 2013 concedido pola organización da Biciweek.
O concelleiro de Mobilidade Ciclista e Transporte, Miguel Filgueira, deu a coñecer o premio este venres e explicou que o mérito de Ramón Bertolo é maior tendo en conta que "é vendedor da ONCE" e que utiliza a bicicleta para acudir a diario ao seu traballo no posto de venda do cupón da rúa Michelena.
"ÿ o prototipo de persoa que nós queremos que use bici en Pontevedra, é unha persoa modelo", indicou o edil. E engadiu que esta é a primeira edición do premio, pero que a intención do Concello é "cada ano buscar unha persoa que teña mérito á hora de desprazarse en bici". Este ano entregarase este sábado 20 de abril ás 11.30 horas na praza da Ferrería.
O protagonista do galardón indica que "uso a bici para todo, sempre que podo vou en bici" e que foi así dende que é moi pequeno, a pesar de que "houbo épocas nas que non puiden porque tiña máis problemas para ver". Malia a súa discapacidade visual é capaz de moverse en bicicleta porque "si que distingo sombras".
Miguel Filgueira tamén presentou as actividades de promoción da bicicleta que o Concello programou para este fin de semana dentro da Biciweek. Comezarán este sábado ás 11.00 horas coa apertura da Mostra da Bici na Ferrería, na que participan comercios e casas comerciais radicadas en Pontevedra para ofrecer bicicletas, repostos ou complementos tanto novos coma de segunda man, e que incorpora actividades para pequenos como unha gimkana ou talleres de mantemento de bicicletas.
O domingo a partir das 10.30 será a concentración dos participantes na Pedalada na Peregrina e sairá ás 11.00 horas para percorrer as principais rúas da cidade e chegar ata a Illa do Cobo.
Miguel Filgueira cualificouno como un encontro de bicicletas de carácter familiar para fomentar o uso da bicicleta como modo de transporte alternativo. A organización confía en superar os 700 participantes, no que estivo fixada a participación da pasada edición.
A programación remata o domingo pola tarde cunha concentración de usuarios Bici Fixer a partir das 17.00 horas na avenida de Monteiro Ríos.