Adeus aos peches das terrazas dos bares
Por Alejandro Espiño
Os peches de plástico que protexen as terrazas de bares e cafeterías de Pontevedra teñen os días contados. Así llo trasladou a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, aos hostaleiros da cidade na reunión na que lles presentou as modificacións que se aprobarán da ordenanza que regula as terrazas e veladores.
Foi un encontro, segundo Gulías, que se desenvolveu nun ambiente cordial e no que os representantes do sector entenderon "perfectamente" os cambios que se van a introducir " aínda que nos os comparten todos".
A cuestión que máis lles preocupaba, os horarios, "foi aceptada sen problema". Unha vez aprobouse a nova normativa, establecerase un horario único que irá das nove da mañá ata a unha e media da madrugada. O horario será o mesmo de luns a domingo. Haberá excepcións en eventos especiais.
Non se permitirá, neste sentido, colocar a terraza antes desa hora aínda que non se utilice. Anabel Gulías asegura que iso causaría "molestias" polos ruídos que se poden causar e podería entorpecer as tarefas de limpeza viaria.
Pero, sen dúbida, o asunto máis delicado foi a prohibición, por outra banda xa incluída na ordenanza actual, de utilizar todo tipo de ancoraxes ou peches nas terrazas, tanto de plástico como doutro tipo de elementos. Ofrecen, segundo a concelleira do BNG, unha imaxe "daniña" da cidade e, especialmente, dun ámbito "protexido" como o centro histórico.
O Concello non está disposto a que a cidade se converta nunha "sucesión de peches de plástico", ao entender que supón un uso "privativo" do espazo público. Así, advirten que os hostaleiros que non os retiren serán sancionados polos servizos de disciplina urbanística. Será unha infracción moi grave, que pode carrexar unha sanción de ata 3.000 euros.
Tras un longo debate, segundo Anabel Gulías, os hostaleiros aceptaron a posición do goberno municipal, que lles instou para que retiren esas estruturas canto antes.
Outros cambios inclúen que a ocupación do espazo público deberá garantir sempre a accesibilidade e amplíase dun metro a 1,80 metros a distancia mínima que deberá haber libre nunha beirarrúa. Os técnicos incluíron tamén unha serie de recomendacións respecto ao uso de sistemas de calefacción ou materiais dos veladores.
Os hostaleiros, pola súa banda, solicitaron un plan para combater a presenza de gaivotas e outras aves, que causan graves prexuízos aos clientes e aos propios establecementos. O Concello comprometeuse a buscar unha solución para próximos encontros.
A intención do goberno municipal é aprobar esta nova normativa no pleno de xaneiro.
Relacionadas:
-
A ordenanza de terrazas supera o trámite de exposición pública sen alegacións
Por Alejandro Espiño |
-
Os hostaleiros terán unha moratoria de seis meses para adaptarse á nova normativa
Por Alejandro Espiño |
-
Dez cousas que non sabías das terrazas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra xuntará os hostaleiros para presentar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares consideran un "parche" a modificación da normativa de terrazas
Por Redacción |
-
Os bares poderán instalar as súas terrazas a partir das nove da mañá
Por Alejandro Espiño |