Os hostaleiros terán unha moratoria de seis meses para adaptarse á nova normativa
Por Alejandro Espiño
Seis meses. Será o prazo que terán os establecementos hostaleiros de Pontevedra para adaptarse á nova normativa de terrazas e veladores que, previsiblemente, aprobarase no pleno municipal deste venres. Iso si, esa moratoria non se concederá para os peches de plástico que, unha vez entre en vigor a ordenanza, deberán ser retirados de inmediato.
A edil de Urbanismo, Anabel Gulías, explicou este martes os últimos detalles desta normativa que, tras ser aprobada pola Xunta de Goberno, deberá ser ratificada pola corporación. En comisión, o PSdeG-PSOE e Cidadáns votaron a favor, mentres que Partido Popular e Marea abstivéronse.
Con esta medida, lembrou Gulías, o goberno municipal pretende "reclamar" e "ordenar" o espazo público da cidade, de forma que sexa "dinámico" e nel poidan "convivir" diferentes usos, compatibilizando o descanso dos veciños e o negocio dos hostaleiros.
Tras un proceso "extraordinariamente complexo" que foi, lembrou a responsable de Urbanismo, "altamente participado" por hostaleiros, veciños, colectivos de persoas con diversidade funcional e partidos políticos, o Concello celebra que Pontevedra contará cunha ordenanza "positiva para todo o mundo".
Ademais, a normativa teñen o "aval" dos técnicos municipais e todos os informes "pertinentes" da asesoría xurídica ou do persoal que terá que dar as autorizacións para a instalación de terraza e veladores.
Unha vez aprobouse a nova normativa, establecerase un horario único que irá das nove da mañá ata a unha e media da madrugada. O horario será o mesmo de luns a domingo. Haberá excepcións en eventos especiais. Non se permitirá, neste sentido, colocar a terraza antes desa hora aínda que non se utilice.
Prohibirase a utilización de todo tipo de ancoraxes ou peches nas terrazas, tanto de plástico como doutro tipo de elementos. Estes "galpóns de plástico" ofrecen, segundo a concelleira do BNG, unha imaxe "daniña" da cidade. Iso si, mostrouse disposta a acordar co sector "mecanismos alternativos" a estes peches laterais.
Os hostaleiros que non os retiren serán sancionados polos servizos de disciplina urbanística. Será unha infracción moi grave, que pode carrexar unha sanción de ata 3.000 euros.
Outros cambios inclúen que a ocupación do espazo público deberá garantir sempre a accesibilidade e amplíase dun metro a 1,80 metros a distancia mínima que deberá haber libre nunha beirarrúa. Os técnicos incluíron tamén unha serie de recomendacións respecto ao uso de sistemas de calefacción ou materiais dos veladores.
PROPOSTAS DE MAREA
Este martes, apenas tres días antes da súa aprobación no pleno, Marea presentou varias propostas para modificar a ordenanza. Así, o partido que encabeza Luís Rei pide que se prohiban as estufas de gas que xerar combustión ou que se limite a extensión das terrazas e que non poidan estar afastadas dos locais. Ademais, solicitaron modificar o horario.
Anabel Gulías non ocultou o malestar que xerou a presentación destas suxestións a estas alturas, especialmente polo "conflitivo" asunto dos horarios que parte, lembrou, parte dunha proposta "xenerosa" dos veciños. "Non vou a abrir un melón que está perfectamente pechado", dixo.
A responsable de Urbanismo lembrou que os grupos da oposición, aos que se lles foi entregando os sucesivos borradores de ordenanza, tiveron máis de catro meses para realizar as súas achegas. Teranse en conta estas suxestións, dixo, pero non aceptarán atrasos na súa aprobación.
Relacionadas:
-
Satisfacción no Concello polo "alto grao" de cumprimento da normativa de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
A ordenanza de terrazas supera o trámite de exposición pública sen alegacións
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición forza ao goberno local a estudar bonificacións no IBI
Por Alejandro Espiño |
-
Adeus aos peches das terrazas dos bares
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xuntará os hostaleiros para presentar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares consideran un "parche" a modificación da normativa de terrazas
Por Redacción |
-
Os bares poderán instalar as súas terrazas a partir das nove da mañá
Por Alejandro Espiño |