Semana Santa en Alemaña: "eu déixote rezar, déixame ti bailar"
Por Paula Virgós
Este ano non está moi claro se os ovos de pascua os traerá o coello ou San Nicolás... e é que vai máis frío que en nadal.
As vacacións de semana santa son para moitos, tamén en Alemaña, só un fin de semana amplo no que poder facer unha viaxe a un lugar máis cálido (Mallorca e Turquía son os destinos máis habituais) ou para esquiar. Os que se decidiron por ir a esquiar nestas vacacións teñen sorte: hai neve máis que suficiente. E os que viaxan con nenos saben que os hoteis esconderán ovos para a busca do domingo. Pero tamén hai quen queda na casa e pasa un fin de semana en familia.
Frohe Ostern! - Feliz Pascua- así despídese a xente o xoves santo cando saen do traballo, dunha tenda ou dunha cafetaría. O xoves santo non é festivo en Alemaña, non obstante en Hesse hai dende 2010 unha lei pola que os comercios deben pechar ás oito da tarde. Aínda que non se confirmou que o nome do día teña que ver coa comida, é tradición en xoves santo (Gründonnerstag -xoves verde) servir verduras verdes.
O venres santo (Karfreitag) non só é festivo senón que é un día de recollemento: por lei-aínda que non en toda a República- se prohiben bailes e festas en venres santo. Por suposto hai quen considera que a prohibición (Tanzverbot) é algo anticuado que debería cambiarse: donos de bares e discotecas quéixanse cada ano, pero tamén o cidadán da pé -en Frankfurt, por exemplo, hai un movemento que se manifesta no centro da cidade con carteis que din "eu déixote rezar, déixame ti bailar". Pero as igrexas, católica e protestante, están de acordo en protexer esta tradición xa que consideran que é parte do sentido desta festividade cristiá. Iso si, as discotecas poden abrir despois de media noite. As tradicións cristiás pasan cada vez máis a un segundo plano mentres que os ovos de chocolate e o coello de pascua se fan cada vez máis presentes. Aínda que si hai procesións nas zonas máis católicas, como Baviera ou Franconia, non son tan espectaculares como en España porque non hai caparuchos e os fieis saen vestidos de rúa ou con traxe rexional.
O sábado as tendas volven abrir e os supermercados convértense en "zona de guerra". Hai que aprovisionarse para dous días, xa que o luns tamén é festivo, así que se forman grandes colas en zonas comerciais e os estantes de comida se baleiran. Durante os días de pascua os escaparates e as vivendas adórnanse con ovos de galiña coloreados ou pintados. Poden comprar ovos xa cocidos e coloreados e mesmo ovos baleiros que serven só para decoración, pero é habitual que os nenos tingan ou pinten os ovos eles mesmos.
A pesar do mal tempo os nenos alemáns saíron a buscar os ovos decorados que os seus pais esconderon no xardín ou polo piso; para os que non teñen tanto espazo algunhas asociacións organizan Ostereiersuche nos parques das cidades. E cando os nenos encontraron todos os ovos, a familia reúnese a gozar do Osterbrunch. Despois do período de coresma a comida cobra moita importancia. Un amplo número de persoas non segue as regras de xaxún e abstinencia da coresma por cuestións relixiosas, pero si aproveitan ese período para prescindir de doces e/ou alcohol, por unha cuestión de saúde. Ademais do Osterkranz (como a nosa rosca) é típico servir biscoito ou cake con forma de cordeiro (feitos nun molde especial).