Instan a Deputación a asumir a súa competencia en emerxencias: "Deixen de tomar o pelo aos veciños"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Deputación de Pontevedra ten que asumir as súas competencias en materia de emerxencias e "deixar de botar balóns fóra" culpando a outras administracións dos problemas que existen na provincia nesta materia. Así de contundentes mostráronse o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
Luís Menor lembrou que, segundo a normativa vixente, a prevención e extinción de incendios nos municipios de menos de 20.000 habitantes é da Deputación, polo que lamentou que desde a administración provincial traten de responsabilizar á Xunta dos problemas na xestión dos parques de bombeiros comarcais.
A pesar diso, o director xeral de Emerxencias lembrou que o goberno galego investiu no últimos tres anos 8,5 millóns de euros nesta materia na provincia de Pontevedra, trasladou o centro de atención ás emerxencias do 112 Galicia ao municipio da Estrada e participa no consorcio provincial de bombeiros.
En relación ao cambio de modelo de xestión dos parques comarcais proposto polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, Menor reiterou que a Xunta "non porá problema" para pasar a un sistema de control directo, pero "con dúas condicións": que non supoña maior gasto para os cidadáns e se garantan os dereitos dos traballadores.
"A partir de aí, vía libre", dixo Luís Menor, para que as deputacións propoñan os cambios que consideren oportunos. Esta oferta, engadiu, "segue en pé". Para iso, o "prioritario" debe ser abordar esa modificación para poder tratar despois as melloras que sexan precisas, incluído un novo mapa de emerxencias.
"Estamos dispostos a cambiar o mapa pero non podemos abrir todos os debates e non pechar ningún", sinalou o responsable de Emerxencias no goberno galego.
A este respecto, Luís Menor asegurou que A Coruña xa aceptou as condicións da Xunta, do mesmo xeito que Lugo "aínda que para eles non sexa unha prioridade". É Pontevedra, matizou, "o que máis problemas está a poñer".
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, denunciou a "política de confrontación" que aprecia na Deputación en materia de emerxencias e demandou á súa presidenta que "deixe de tomar o pelo aos veciños" e que, entre outras cuestións, acuda ás reunións convocadas para tratar este asunto e non envíe "recaderos".
RESPOSTA DA DEPUTACIÓN
Tras esta rolda de prensa, o deputado de Réxime Interior, Carlos López Font, reiterou que a Deputación de Pontevedra "non vai a asinar ningún documento elaborado dun xeito unilateral pola Xunta" e non adoptará ningún acordo sobre o modelo de xestión do consorcio contra incendios porque "non é o momento". Avanza que estudarán o asunto no ano 2021, cando conclúe a actual concesión coa empresa que xestiona os parques comarcais.
"O señor Rueda non dá a cara e manda a Luis Menor que é un home que coñece ben o tema das emerxencias e ten que facer de enviado, da voz do seu amo", lamentou López Font.
Neste momento, segundo o deputado, o que preocupa á cidadanía é o mapa de emerxencias que, ao adoptar un modelo comarcal, "provoca que non se poida garantir que o servizo sexa o adecuado por ter zonas de sombra". Habería que apostar, engadiu, por un servizo contra incendios baseado en isocronas "e que garanta a atención e o servizo correcto entre os vinte ou trinta minutos".
Así o deputado provincial reclamou ao vicepresidente da Xunta "que se deixe de papeliños que non interesan a ninguén e se sente a falar do que de verdade interesa os cidadáns para poder prestar un servizo adecuado a toda a poboación".
Relacionadas:
-
O PP insiste na "falta de ética e transparencia" da Deputación en relación co Consorcio de Bombeiros
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas debaterá unha moción para reclamar un cambio do mapa de emerxencias
Por Redacción |
-
Os bombeiros comarcais inician unha folga indefinida
Por Redacción |
-
A Plataforma de Bombeiros Públicos aposta por un Plan de Emerxencias baseado en isócronas
Por Redacción |
-
O PP pide "claridade" á Deputación sobre os parques de bombeiros e que lle faciliten o informe sobre o servizo
Por Redacción |
-
A Deputación rexeita as propostas da Xunta para Emerxencias e aposta por un mapa de isócronas
Por Redacción |
-
A Xunta propón un acordo para cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
O incendio de Tenorio volve poñer en cuestión o mapa de emerxencias na comarca de Pontevedra
Por Natalia Puga |