Os bombeiros comarcais inician unha folga indefinida
Por Redacción
En pleno debate político sobre o Plan de Emerxencias, os bombeiros do consorcio provincial contra incendios e salvamento de Pontevedra, integrado polos parques de Vilagarcía, Ribadumia, O Morrazo e Baixo Miño, iniciaron unha folga indefinida este luns 8 de agosto para reclamar unhas melloras laborais e salariais que, segundo expoñen, a empresa encargada de infraestruturas (MATINSA) non está a atender.
Esixen o cumprimento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñecendo o dereito dos traballadores para non verse prexudicados pola aplicación do IPC negativo, aplicado previamente pola empresa; o cumprimento da homoxeneización de condicións laborais dos traballadores dedicados ao sector de emerxencias; a cobertura de baixas de longa duración e a adopción das obrigacións contractuais da empresa.
Sinalan que, por exemplo, os bombeiros non reciben as 63,25 horas de formación aos traballadores; os vehículos carecen de seguro a todo risco e de xeolocalización; non se repón o material persoal dos traballadores ou as instalacións atópanse en condicións de abandono, segundo apuntan. Tamén sinalan que todos os bombeiros xubílanse ao cumprir 60 anos menos os comarcais galegos, que o fan aos 67.
Desde o colectivo de Bombeiros Comarcais de Pontevedra xa afirman que a folga apenas vai notarse no servizo que se presta. Van estar dispoñibles tres traballadores, un xefe de quenda condutora xunto a dous bombeiros-condutores, de garda. É o mesmo equipo de efectivos que durante todo o ano. Precisamente, este colectivo reclama a dotación de cinco bombeiros por garda, tanto para as substitucións como para ter un equipo SOS, encargado de rescatar aos que interveñan en caso de accidente.
O comité de empresa do consorcio, formado por representantes dos sindicatos UXT, CIG, SIBGAL e CC.OO., queren que este servizo sexa tomado en serio polas administracións e conten cos medios necesarios. Se a folga non provoca reaccións, non descartan adoptar medidas máis contundentes.
Relacionadas:
-
Os bombeiros do consorcio provincial volven levar as súas denuncias á Inspección de Traballo
Por Redacción |
-
A Deputación e a Xunta crearán unha comisión de traballo para mellorar os servizos de emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros do consorcio provincial cumpren un mes de folga
Por Oskar Viéitez |
-
Os Bombeiros denuncian que a concesionaria Matinsa incumpre os servizos mínimos
Por Redacción |
-
Instan a Deputación a asumir a súa competencia en emerxencias: "Deixen de tomar o pelo aos veciños"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A Xunta propón un acordo para cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |