O incendio de Tenorio volve poñer en cuestión o mapa de emerxencias na comarca de Pontevedra
Por Natalia Puga
O incendio que na tarde-noite do sábado destruíu unha nave industrial e afectou a unha vivenda en Calvelo, na parroquia de Tenorio de Cerdedo-Cotobade, volveu a sacar á luz unha polémica recorrente na comarca de Pontevedra: o mapa de emerxencias que establece a que concellos atende cada parque de bombeiros en base aos tempos de resposta que marca a lei.
A pesar de que o parque máis próximo era o municipal de Pontevedra, o mapa de emerxencias estipula que debe actuar o comarcal de Ribadumia -do consorcio provincial de extinción de incendios- e é o que foi mobilizado en primeiro momento e logo reforzado polo do Morrazo.
A polémica xurdiu por mor das críticas realizadas pola Xunta de Galicia e o grupo provincial do PP, que miran cara ao Consorcio Provincial de Bombeiros e a Deputación de Pontevedra para reprochar a tardanza dos efectivos en chegar a Tenorio e actuar e, ademais, insinúan que os bombeiros pontevedreses foron alertados e non actuaron. Ao paso destas críticas saíron tanto o Concello de Pontevedra como a institución provincial, que aseguran que cumpriron escrupulosamente co mapa de emerxencias e cos protocolos.
Pola súa banda, os representantes dos bombeiros dos parques comarcais tamén quixeron analizar a polémica e criticaron a "desastrosa situación" na que se atopan as emerxencias en Galicia e que os habitantes de Cerdedo-Cotobade "atópanse nunha situación de grave risco e abandono" debido ao "deficiente e ineficaz mapa" de emerxencias de Galicia, que dá lugar a "grandes conflitos e malos entendidos" cando se trata da mobilización de recursos, como neste caso.
Fronte ás críticas do PP e do Concello sobre a tardanza dos efectivos de Ribadumia en chegar, o xerente do consorcio, Roberto Jorge, que compareceu xunto ao deputado Carlos López Font para dar explicacións, asegurou que o 112 alertou ao parque ás 19.28 e ás 19.30 xa estaban mobilizados. Ás 19.32 púxose en prealerta aos bombeiros do Morrazo, ás 20.00 horas mobilizóuselles e ás 20.05 xa chegaran ao lugar os de Ribadumia. Os do Morrazo chegaron ás 20.46 e estiveron ata as 4.30 horas da madrugada e os primeiros en chegar marcharon ás 14.00 horas do domingo, mobilizándose en total 10 efectivos e sete vehículos.
Estes datos facilitados non coinciden cos que manexa o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que fala dunha hora e 40 minutos, e tampouco cos facilitados pola Plataforma Bombeiros Públicos de Galicia en nome dos traballadores. Estes indican que o aviso do 112 a Ribadumia produciuse ás 19.10 e que tardaron 50 minutos en chegar ao lugar, ata as 20.00 horas. O atraso está, para eles "totalmente xustificado".
En relación coa intervención dos bombeiros de Pontevedra neste incendio, a Deputación non quixo valorala porque é ao 112 a quen corresponde mobilizar os recursos e porque, segundo o mapa de emerxencias, non é a este parque ao que lle toca intervir, senón a Ribadumia. Cores Tourís, pola súa banda, descoñece se o parque pontevedrés foi alertado, pero insinuou a posibilidade de que lle chamasen e non quixesen saír porque "non é a primeira vez" e xa nun incendio pasado en Poio non interveu a pesar de estar a tan só 500 metros.
Jorge Cubela asegura que o 112 pediu aos bombeiros de Pontevedra tres veces que actuasen, pero a plataforma de bombeiros asegura que nun primeiro momento só se lles avisou a modo informativo" e deixando claro a Pontevedra que non se requiren os seus servizos". Si se lles pediron actuar 30 minutos despois, "pasando por alto o Platerga", posto que os efectivos de Ribadumia aínda non chegaran ao lugar, petición á que desde Pontevedra respondeu que non "ao estar a cidade do Lérez baixo mínimos e xa cos Bombeiros de Ribadumia mobilizados, que son os que lles corresponde a emerxencia".
Respecto diso, os traballadores matizan tamén que o 112 non declarou o nivel 1 do plan Platerga que é a canle legal que ten unha administración para solicitar medios externos de emerxencia a concellos limítrofes. Ademais, finalmente desautorizouse a saída.
A plataforma de bombeiros critica o mapa actual porque xera un "efecto dominó" no que unha familia perdeu a súa casa e o seu negocio e durante horas a poboación de Ribadumia e O Morrazo á que corresonde atender aos dous parques mobilizados quedou sen medios ante unha posible emerxencia. Ante isto, consideran que "necesitamos un cambio de modelo, reformular o mapa de emerxencias de Galicia, desenvolver un réxime estatutario que regule os corpos de bombeiros e déalles unha nova dimensión."
Tamén Carlos López Font lembra que desde a Deputación Provincial xa se pediu un novo modelo de xestión de emerxencias. "Lo que es claro es que desde Ribadumia a Cotobade se tarda lo que se tarda", por iso presentaron ante o pleno do consorcio, formado ao 50% pola Xunta e a Deputación, un estudo para variar o modelo de xestión e acordouse crear unha comisión técnica para o seu estudo. Este mesmo luns enviará un escrito ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reclamar a urxencia de acometer este cambio.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que os primeiros en chegar ao lugar foron os membros dunha brigada forestal da Xunta de Galicia que, cando comprobaron que non era un incendio forestal, non actuaron porque "tecnicamente non saben onde actuar e non teñen competencia".
A partir de aí, o 112 mobilizou aos bombeiros de Ribadumia e Cores Tourís bota balóns fóra ante calquera posible crítica ao 112 -dependente da Xunta- sinalando que é coa Deputación con quen hai que falar "e que nos expliquen como foi o proceso", xa que a competencia das emerxencias nos municipios con menos de 20.000 habitantes é da institución provincial. "Habería que falar co xerente do consorcio, que é realmente a persoa que xestiona isto", sostivo.
O voceiro provincial do PP de Pontevedra, Ángel Moldes, tamén entrou na polémica e esixe á presidenta provincial, Carmela Silva, que explique por que os bombeiros tardaron máis de 2 horas en chegar ao incendio de Tenorio. Na súa opinión, é o goberno provincial quen debe asumir responsabilidades, pois as competencias en materia de emerxencias "son moi claras, e no caso dos pequenos concellos correspóndenlle á Deputación".
"O único certo é que as competencias son de Deputación e que o Consorcio Provincial de Bombeiros non xestionou debidamente o operativo, pois foi lento e ineficaz", critica Moldes, que tamén engade que os bombeiros de Pontevedra se negaron a acudir a a pesar de estar a 15 minutos do incendio.
"Cumprimos estritamente co que nos correspondía", asegurou o deputado provincial Carlos López Font, que trasladou o seu agarimo tanto ás persoas afectadas polo lume como ao bombeiro que sufriu un golpe de calor durante as tarefas de extinción e tivo que ser trasladado ao Hospital Montecelo. Segundo revelou, durante a madrugada do sábado ao domingo xa recibiu o alta e agora atópase en perfecto estado de saúde.
López Font engadiu que a actuación do consorcio neste incendio "se ajusta al protocolo establecido de forma estricta" tanto en tempos de resposta como en medios materiais e humanos. Como reproche á Xunta e o PP, sinala que "no se debe usar politicamente" un incendio.
López Font considera "políticamente deplorables" as declaracións de Cores Tourís, sobre todo porque o delegado territorial tambén é membro do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios en representación da Xunta e pídelle pide "que rectifique y sepa estar a la altura".
Relacionadas:
-
O PP insiste na "falta de ética e transparencia" da Deputación en relación co Consorcio de Bombeiros
Por Redacción |
-
Instan a Deputación a asumir a súa competencia en emerxencias: "Deixen de tomar o pelo aos veciños"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O PP pide "claridade" á Deputación sobre os parques de bombeiros e que lle faciliten o informe sobre o servizo
Por Redacción |
-
A Deputación rexeita as propostas da Xunta para Emerxencias e aposta por un mapa de isócronas
Por Redacción |
-
A Xunta propón un acordo para cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
Axentes forestais defenden a actuación do seu compañeiro no incendio de Tenorio
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide iniciar o proceso para comarcalizar o parque de bombeiros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade solidarízase coa familia que perdeu a súa casa e a súa carpintería nun incendio
Por Redacción |
-
Comarcalizar os bombeiros de Pontevedra, solución "idónea" para Ponte Caldelas en materia de emerxencias
Por Redacción |
-
Cubela critica duramente o operativo do incendio de Tenorio e pide que o parque de Pontevedra sexa comarcal
Por Natalia Puga |
-
Ninguén solicitou "medios suplementarios nin xente" a Pontevedra para atender o incendio de Tenorio
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Un incendio calcina unha nave industrial e afecta a unha vivenda en Calvelo
Por Diego Espiño & Diego Torrado |