As dúas ex traballadoras do CIM de Ponte Caldelas integraranse nun novo servizo municipal
Por Redacción
O extinto Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas pasará a ser un servizo municipal de atención xurídica e psicolóxica á muller e a todos os veciños do municipio. Así o desvelou este luns o goberno local.
A decisión adoptouse, sinalan desde o Concello, despois de valorar a última sentenza laboral, a raíz da denuncia presentada polas traballadoras "sobre a cadea de irregularidades cometidas polo anterior goberno municipal ao longo de case dez anos". Ademais, tivéronse "moi en conta" os informes dos técnicos municipais e os datos estatísticos de actividade.
Este servizo será "de calidade" e estará "perfectamente adaptado" ás necesidades da sociedade de Ponte Caldelas e a unha política de persoal racional. O Concello terá "pleno control" para a súa organización e xestión.
A sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra considera probado que a avogada e a psicóloga do CIM, como traballadoras autónomas, foron adxudicatarias dun contrato de servizos de xeito repetido ao longo dos 11 anos de existencia do servizo. Todo elo sen respectar os mínimos requisitos legais de concorrencia, publicidade e transparencia, "nunha auténtica ficción de contratación", aseguran desde o Concello.
Baseándose nestes antecedentes, a xuíza condena ao Concello a incluír á avogada e á psicóloga na Relación de Postos de Traballo (RPT) como persoal laboral fixo coa categoría equivalente ao grupo A1 e con antigüidade dende 2006. Ademais, o Concello terá que pagarlles os atrasos derivados desta categoría dende a entrada en vigor do convenio colectivo, en marzo de 2015.
O actual goberno local xa iniciou os trámites para modificar a RPT e incluír ás traballadoras autónomas no seu cadro de persoal, non sen antes lamentar que a porta de entrada á administración "non sexa a mesma para todo o mundo" e que o actual equipo municipal se vexa obrigado a "asumir as consecuencias xudiciais das chapuzas do anterior".
As dúas traballadoras estarán adscritas a este servizo que, segundo os datos recollidos no informe dos técnicos municipais, ademais da asistencia ás vítimas de violencia de xénero, que seguirá a ser prioritaria, contará con medios e recursos para atender tamén outro tipo de ámbitos que a sociedade demanda.
O equipo de goberno opta así, por tanto, por poñer en marcha un servizo municipal pioneiro en Galicia e integrado na súa estrutura administrativa, "que nace con vocación de sostibilidade e continuidade ao non ser dependente de subvencións volátiles doutras administracións".
Será, engaden, un servizo municipal de atención xurídica e psicolóxica que dará prioridade "total e absoluta" ao apoio e acompañamento ás vítimas da violencia de xénero e á promoción e defensa da igualdade, "no marco dun compromiso firme cos valores dunha sociedade moderna e avanzada".
Relacionadas:
-
Mulleres en Igualdade reclama o CIM de Ponte Caldelas como un dereito para as vítimas da violencia machista
Por Redacción |
-
A Xunta lembra a convocatoria de axudas destinadas ás mulleres vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Igualdade convoca a Andrés Díaz a unha xuntanza para reabrir o CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas presenta recurso contra a sentenza sobre o persoal do CIM
Por Redacción |
-
A Xunta empraza ao Concello de Ponte Caldelas a que reabra o CIM
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a dimisión do alcalde de Ponte Caldelas tras declararse nulo o despedimento das traballadoras do CIM
Por Redacción |