A Xunta empraza ao Concello de Ponte Caldelas a que reabra o CIM tras a sentenza que obriga a readmitir a dous traballadoras
Por Oskar Viéitez
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, emprazou este luns ao Concello de Ponte Caldelas a que reabra o Centro de Información á Muller (CIM) pechado o pasado mes do decembro tras unha "decisión unilateral do alcalde". A petición chega despois da sentenza xudicial que obriga a readmitir ás dúas traballadoras do CIM despedidas polo goberno local encabezado por Andrés Díaz.
A pesares de que a Xunta tivo que iniciar o proceso de desacreditación do CIM de Ponte Caldelas, despois de que se deixase de prestar o servizo en decembro, e de que o Concello non se persoase durante o trámite de audiencia previsto durante ese proceso, López Abella solicítalle a Díaz que "recapacite". O recente fallo xudicial levará á administración local a ter que readmitir á asesora xurídica e directora do CIM e á psicóloga que prestaban atención ás mulleres do municipio.
A secretaria xeral da Igualdade insistiu en que o peche do CIM é "a perda dun servizo que estaba consolidado" en Ponte Caldelas durante os últimos doce anos e obedece a unha "cuestión de filosofía, do que se considera prioritario e importante e do que non", e puxo o foco nos 10.000 euros de indemnización por danos morais que terá que asumir o Concello debido á decisión do alcalde de suprimir un CIM, "unha medida inédita en Galicia".
López Abella recordou que o peche do CIM "non ten que ver cunha cuestión económica", xa que a Xunta de Galicia se facía cargo de 30.000 euros dos 33.000 que custaba manter o centro, co cal o Concello só achegaba 3.000 euros "para manter un servizo fundamental para atender ás mulleres e para combater a violencia de xénero".
Cando o CIM funcionaba, a asesora xurídica atendía 27 horas á semana e a psicóloga facíao 11. É dicir, un total de 37 horas semanais de atención especializada, que foron substituídas por unha atención de cinco horas, un só día, dunha avogada "non especialista en violencia de xénero nin de igualdade" e que nesas cinco horas tamén asesora sobre desafiuzamentos, reclamacións a empresas telefónicas ou divorcios. Só en 2016, o CIM recibiu 525 consultas e atendeu a 138 persoas.
A secretaria xeral destacou que desde o CIM se facía un importante labor en atención especializada e asesoramento xurídico e psicolóxico en casos de violencia de xénero (denuncias, ordes de protección, ordes de afastamento...), xestión de aloxamento alternativo, tramitación de teléfono móbil de teleasistencia para as vítimas, xestión dos recursos necesarios nestes casos, apoio psicolóxico e colaboración con outros servizos de intervención en casos de violencia de xénero, como a Garda Civil, casa de acollida, servizos públicos sanitarios ou xurídicos.
Relacionadas:
-
Mulleres en Igualdade reclama o CIM de Ponte Caldelas como un dereito para as vítimas da violencia machista
Por Redacción |
-
As dúas ex traballadoras do CIM de Ponte Caldelas integraranse nun novo servizo municipal
Por Redacción |
-
Igualdade convoca a Andrés Díaz a unha xuntanza para reabrir o CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
López Abella participa na mesa contra a violencia de xénero de Cambados, Meis y Ribadumia
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Ponte Caldelas presenta recurso contra a sentenza sobre o persoal do CIM
Por Redacción |
-
Piden a dimisión do alcalde de Ponte Caldelas tras declararse nulo o despedimento das traballadoras do CIM
Por Redacción |
-
A Xunta iniciou o expediente para a extinción do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
O Parlamento demanda que a Xunta medie para que non se peche o CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O PP presenta unha proposición non de lei para pedir a reapertura do CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |