Seis traballos universitarios, recoñecidos na I edición dos premios de igualdade Sofía Novoa Ortiz
Por Redacción
Un total de catro traballos universitarios foron os elixidos como gañadores da primeira edición dos premios de igualdade Sofía Novoa Ortiz, convocados pola Deputación de Pontevedra para recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster. Ademais, outros dous estudos recibiron senllos accésits.
Na modalidade de traballo de fin de grao, outorgáronse dous premios de 1.000 euros aos traballos de Laura Serén García (de Pontevedra) e Cristina Gandón Villar (de Cangas), respectivamente "A asemblea como recurso educativo para fomentar a igualdade entre os sexos na educación primaria" e "El lenguaje icónico en los libros de texto desde una perspectiva de género y su evolución desde EGB hasta Primaria".
Ademais houbo un accésit de 600 euros para "Impacto psicosocial en la mujer mastectomizada: rol de enfermaría", traballo de Carla Novo (de Vigo).
Pola outra banda, os traballos de Lucía Pereyra García (de Pontevedra) e Isabela Andrés Alonso (de Ourense), isto é, "Evolución da linguaxe non sexista e papel da muller en dous libros de texto de historia (1989 e 2015)" e "There are no ugly women, only lazy ones", foron os que levaron os dous premios de 1.000 euros na modalidade de traballo fin de máster.
Xunto a eles, o accésit de 600 euros foi outorgado a "Igualdad de género: un análisis longitudinal de las imágenes en los libros de enseñanza secundaria obligatoria y el bachillerato unificado polivalente", de Andrea Álvarez Rodríguez (de Vigo).
O xurado dos galardóns, aos que foi candidato o alumnado dos campus de Vigo e de Pontevedra da Universidade de Vigo, estivo presidido pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas e, entre as súas compoñentes, atopábanse a deputada de Emprego, Montse Magallanes, as mestras María Álvarez Lires e Purificación Mayobre, ademais da xefa e unha técnica do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.
En total, presentáronse un total de 22 traballos, once para cada unha das dúas categorías.
Relacionadas:
-
Premio para quen visibiliza ás mulleres na educación, "desde onde verdadeiramente se pode cambiar a sociedade"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Convocan a segunda edición dos premios á igualdade Sofía Novoa Ortiz
Por Redacción |
-
Crean o galardón Sofía Ortiz Novoa para premiar a perspectiva de xénero en traballos universitarios
Por Alejandro Espiño |