Crean o galardón Sofía Ortiz Novoa para premiar a perspectiva de xénero en traballos universitarios
Por Alejandro Espiño
Recoñecer traballos universitarios de alumnos dos campus de Pontevedra e Vigo que inclúan a perspectiva de xénero nos proxectos de fin de grao ou fin de máster. É o obxectivo co que nace o Premio Sofía Novoa Ortiz, convocado pola Deputación de Pontevedra.
Carmela Silva asegurou que se trata dun recoñecemento público a una muller que contribuíu a que as mulleres "ocupáramos un importante espazo público" e se poidan garantir "os nosos dereitos como mulleres e como persoas".
Sofía Novoa Ortiz, asegurou, "é unha muller modelo que se ten que converter nun referente, xa que sen referentes non temos visibilidade. Estas mulleres deben ter un rostro e un nome para que a nosa sociedade sexa equilibrada e xusta".
Na rolda de prensa tamén estivo presente Carmen Losada, que elaborou a súa tese doutoral arredor de Sofía Novoa Ortiz, tese que, como lle indicou a presidenta provincial, "publicaremos porque o traballo por nos facer coñecidas e recoñecidas é unha cuestión de xustiza".
Losada sinalou que Novoa Ortiz era unha muller "que tiña o obxectivo de acadar unha vida independente, que buscaba a excelencia en todo o que facía" e que "empregaba a música como vehículo para o ensino da cultura e do idioma".
Tamén estivo presente Francisco Novoa Sanjurjo, un dos seus herdeiros, que salientou que "estamos en éxtase por pensar que a nosa tía, coa que vivimos tantos anos, vaia ter este recoñecemento aos seus valores".
A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asegurou que hai 86 anos que a Deputación de Pontevedra "lle negou a prórroga a un concurso-pensión para estudar en París e lla outorgou a un home do que nunca se coñeceu a súa identidade", feito polo que asegurou que "este é un día moi relevante porque estamos a facer unha reparación histórica".
As persoas interesadas en presentarse ao galardón deberán preinscribirse enchendo un formulario dende a páxina web da Deputación, www.depo.es. A data límite de presentación de solicitudes é o 28 de outubro e, a de entrega de traballos, o 4 de novembro.
Relacionadas:
-
A Deputación lanza a quinta edición dos premios Sofía Novoa para traballos de fin de grao ou máster sobre igualdade
Por Manu Otero |
-
Convocan a segunda edición dos premios á igualdade Sofía Novoa Ortiz
Por Redacción |
-
Seis traballos universitarios, recoñecidos na I edición dos premios de igualdade Sofía Novoa Ortiz
Por Redacción |
-
Pontevedra xuntará "mulleres imparables" no ámbito do emprendemento
Por Alejandro Espiño |