VÍDEO.- Así de perigoso é circular pola PO-234 ao seu paso por Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas será escenario este próximo domingo 13 dunha nova marcha de protesta para reclamar da Xunta de Galicia o arranxo integral da estrada PO-234, un dos viais máis perigosos da Rede Autonómica de Estradas.
A protesta foi organizada conxuntamente pola plataforma veciñal e polo Concello de Ponte Caldelas. A manifestación partirá ás 12.30 horas desde a Casa do Pobo de Laxoso e realizará un percorrido ata o centro de Ponte Caldelas, baixando polo perigoso trazado ata regresar ao momento de partida.
A caravana de vehículos estará encabezada por un furgón do Concello e nela participarán todos os veciños que queiran sumarse cos seus turismos particulares. Portarán carteis reivindicativos e farán soar os seus cláxons.
Será a segunda marcha popular en contra da decisión da consellería de Infraestruturas de acometer as obras de acondicionamento desta estrada só no tramo correspondiente ao municipio de Cerdedo-Cotobade, sen afrontar o tramo de Ponte Caldelas, onde se atopan as conflitivas curvas de Laxoso.
Estes veciños da zona gravaron un vídeo no que se comproba o perigo desa estrada no traxecto dun camión madeireiro. Obsérvase a imposibilidade de que os vehículos pesados circulen sen invadir o carril contrario. O vídeo está a distribuírse polas redes sociais.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, pedirá unha entrevista ao novo responsable da consellería de Infraestruturas en canto se anuncie a composición do novo goberno galego.
Relacionadas:
-
Dous quilómetros de coches para pedir o arranxo integral da PO-234
Por Redacción |
-
O Concello xa ten os terreos para reformar a PO-234 no treito de Cotobade
Por Redacción |
-
Unha caravana de coches, novo acto de protesta para reclamar a mellora da PO-234
Por Redacción |
-
Centos de veciños saen á rúa para instar á Xunta a rectificar a "cacicada da PO-234"
Por Redacción |