VÍDEO.- O día despois do incendio na área de Psiquiatría do Provincial: imaxes e investigación
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Os investigadores están cada vez máis preto de esclarecer as causas e autoría do incendio que na noite deste domingo obrigou a desaloxar 11 pacientes da área de Psiquiatría do Hospital Provincial e a atender por inhalación de fume a catro traballadores. A Policía Científica da Policía Nacional estivo na mañá deste luns no centro sanitario recollendo probas e indicios e concluíu que o lume é claramente intencionado, pois ten tres focos. Agora queda por determinar quen foi o autor e cal o elemento incendiario utilizado, dous aspectos nos que as hipóteses están xa cada vez máis claras.
Fontes policiais confirmaron os tres focos e a intencionalidade, pero non a autoría. A Policía Científica xa terminou o seu informe, pero agora a Policía Xudicial segue traballando. De todos os xeitos, a principal e case única hipótese que manexan é que o lume presuntamente provocouno unha paciente da área de Psiquiatría e que utilizou un chisqueiro, pero terán que determinalo con total seguridade e averiguar por que tiña este obxecto cando é un elemento que non se adoita permitir a estes pacientes.
O lume tivo tres focos, o colchón dunha habitación, o sofá dunha sala de espera e unha cadeira de rodas dun baño. A habitación era a desta paciente e, ademais, o lume comezou nun momento no que todo o persoal e a pacientes da área estaban a cear excepto esta muller, que se atopaba na súa habitación.
O xerente da área de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, descartou valorar quen pode ser, pois determinalo corresponde á Policía e a un xuíz, e explicou que o CHOP está centrado este luns en tentar recuperar a normalidade canto antes e no benestar dos pacientes dunha especialidade tan delicada como a Psiquiatría.
Nas últimas horas recibiron o alta tanto os catro traballadores atendidos (un garda de seguridade, unha celadora e dúas traballadoras do servizo de limpeza) e tamén polo menos tres pacientes de Psiquiatría. O resto están recolocados noutras zonas do Hospital Provincial e a xerencia está a traballar para habilitar un á do centro sanitario para estes pacientes.
Os enfermos desta especialidade necesitan condicións especiais e é posible que algún non poida adaptarse á nova zona habilitada. Nese caso, serán trasladados a Vigo ou Santiago de Compostela ata que Psiquiatría do Provincial poida funcionar con normalidade. En principio, calcúlase que tardará aínda varios días en recuperarse, aínda que previsiblemente este martes xa se poderán reabrir as consultas externas desta especialidade.
Mentres tanto, a zona está acordoada e vixiada de forma permanente por un vixiante de seguridade. Os medios non puideron acceder ás habitacións nas que empezou en lume nin ao resto de dependencias do á afectadas tanto polo lume como polas tarefas de extinción e o intenso fume negro que o cubriu todo. Si se difundiron desde o centro sanitario imaxes de como quedou a zona e se facilitou o acceso á entrada desta terceira planta do Provincial.
O xerente tamén insistiu este luns, ante as críticas que empezan a xurdir sobre o plan de prevención do Hospital, que existe un plan de riscos laborais controlado e homologado e o persoal recibiu formación, a última aínda recente por parte dos traballadores de Psiquiatría. Ademais, existe un plan de formación e outro de autoprotección que neste caso funcionou correctamente.
Relacionadas:
-
Comeza o traslado dos pacientes á área de Psiquiatría do Provincial
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A reforma integral da área de Psiquiatría do Provincial avanza a bo ritmo
Por Redacción |
-
O plan de emerxencias contra incendios do Hospital Provincial funcionou "correctamente"
Por Redacción |
-
A área de Psiquiatría do Hospital Provincial, limpa, pero á espera do informe de danos do incendio
Por Redacción |
-
Abren unha investigación para aclarar a orixe do lume no Provincial, con tres focos e presuntamente provocado
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Desaloxan 11 pacientes e atenden 4 traballadores por inhalar fume nun incendio no Hospital Provincial
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada