Desaloxan 11 pacientes e atenden catro traballadores por inhalar fume nun incendio no Hospital Provincial
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un incendio iniciado ao redor das 20.30 horas deste domingo na área de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra obrigou a desaloxar a once pacientes e a prestar asistencia sanitaria a catro traballadores do centro. Ademais, xerou unha gran alarma entre todos os pacientes das instalacións sanitarias e entre os veciños da zona e viandantes, alertados pola intensa nube de fume negro que saía polas xanelas do edificio.
O xerente da área de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, explicou que unha vez que se iniciaron as chamas saltou a alarma antiincendios do hospital e puxéronse en marcha os protocolos de seguridade, que funcionaron correctamente e "con mucha rapidez", de modo que xa o persoal do propio centro procedeu a sufocar o lume e desaloxar aos pacientes ao mesmo tempo que se avisaba aos servizos de emerxencias.
Inmediatamente desprazáronse ata o Hospital e empezaron a actuar pola zona da rúa Joaquín Costa efectivos do Corpo de Bombeiros, persoal do 061, a Policía Local, a Policía Nacional e, pouco despois, tamén a Policía Autonómica. Os bombeiros acabaron de sufocar o lume que xa empezaran a apagar os traballadores e empezaron con tarefas de ventilación que aínda continuaban ás 23.15 horas da noite, isto é, tres horas despois do inicio do lume. Para facelas mesmo foi necesario romper algunha fiestra e forzar outras.
A Policía Local terminou o desaloxo dos pacientes da zona afectada que xa empezara o persoal sanitario. O xerente confirmou que todos eles foron recolocados noutras zonas do propio hospital e tamén foron avisadas as familias de todos eles para que soubesen que todo estaba baixo control. Ademais, agradeceu ao colaboración de todo o persoal, mesmo de psiquiatras e persoal de enfermería que non estaba de garda no momento do incidente e desprazouse ao centro para atender aos seus pacientes.
Ningún dos pacientes resultou ferido, pero si foi necesario que os servizos de Urxencias do propio hospital atendese a catro traballadores que inhalaran fume, o garda de seguridade que acudiu en primeiro lugar cun extintor para apagar o lume, unha celadora e dúas traballadoras do servizo de limpeza. A todos se lles realizou unha completa revisión e estaba previsto que recibisen o alta ao longo da noite.
A pronta intervención do persoal sanitario foi unha das claves de que o incidente non fose a máis nin se expandise polo resto do hospital e finalmente tan só resultaron afectados directamente tres cuartos de Psiquiatría, dous de forma total e o terceiro parcialmente. Si quedou chea de fume toda a planta terceira e a cuarta, na que non foi necesario desaloxar a ninguén porque están as instalacións da Escola de Enfermería, un salón de actos e unha biblioteca.
Unha vez que os bombeiros dean por terminadas as tarefas de ventilación, deixarase acordoada toda a zona e José Manuel González indicou que se traballará para que a planta poida recuperar a normalidade o máis rápido posible.
Relacionadas:
-
Comeza o traslado dos pacientes á área de Psiquiatría do Provincial
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O plan de emerxencias contra incendios do Hospital Provincial funcionou "correctamente"
Por Redacción |
-
A área de Psiquiatría do Hospital Provincial, limpa, pero á espera do informe de danos do incendio
Por Redacción |
-
Os pacientes oncolóxicos de Arousa poderán ser atendidos dende outubro no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O día despois do incendio na área de Psiquiatría do Provincial: imaxes e investigación
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Abren unha investigación para aclarar a orixe do lume no Provincial, con tres focos e presuntamente provocado
Por Natalia Puga & Diego Torrado |