A área de Psiquiatría do Hospital Provincial, limpa, pero á espera do informe de danos do incendio
Por Redacción
A área de Psiquiatría do Hospital Provincial empeza a recuperar a normalidade aos poucos despois do incendio que na noite do domingo causou danos en toda a zona da especialidade e obrigou a desaloxar a todos os pacientes ingresados e suspender as consultas pendentes para o día seguinte. Este venres xa está completamente limpa, pero segue pechada á hospitalización.
Segundo informaron fontes oficiais da área de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, a zona afectada limpouse entre este xoves e este venres e agora están pendentes de que un perito realice un informe definitivo cos danos ocasionados.
Unha vez que estea terminado este informe, poñeranse en marcha as actuacións necesarias para reparar os danos ocasionados polo lume en toda a área de Psiquiatría da terceira planta do Provincial. O incendio, do que a Policía xa concluíu que foi intencionado, iniciouse en tres cuartos -unha habitación, unha sala de espera e un baño-, pero causou danos en máis dependencias.
As consultas externas desta especialidade si se realizan con normalidade desde este martes e non se viu afectado o Hospital de Día, pero sobre a zona con pacientes hospitalizados é imposible dar prazos de reapertura. De momento, seguen recolocados.
En relación coa investigación sobre o ocorrido, a Policía Científica rematou xa o seu informe, pero agora o tema está en mans do Xulgado. O lume provocouno presuntamente unha paciente de Psiquiatría cun chisqueiro en tres habitacións, pero haberá que determinar se se lle pode imputar ou non algún delito, dada a súa situación de paciente psquiátrica.
Relacionadas:
-
Comeza o traslado dos pacientes á área de Psiquiatría do Provincial
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A reforma integral da área de Psiquiatría do Provincial avanza a bo ritmo
Por Redacción |
-
O plan de emerxencias contra incendios do Hospital Provincial funcionou "correctamente"
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O día despois do incendio na área de Psiquiatría do Provincial: imaxes e investigación
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Abren unha investigación para aclarar a orixe do lume no Provincial, con tres focos e presuntamente provocado
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Desaloxan 11 pacientes e atenden 4 traballadores por inhalar fume nun incendio no Hospital Provincial
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada