Alcaldes do PSOE reclaman a Núñez Feijóo un plan de axudas para afrontar os danos das inundacións
Por Redacción
Os alcaldes do PSOE reuníronse cos deputados autonómicos Marisol Soneira e Vicente Docasar, ademais de coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, para reclamar á Xunta un plan de axudas para acometer os danos causados polas inundacións deste inverno.
Os socialistas sinalaron que en 2009, tanto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda, tras as choivas invernais reclamaron ao goberno bipartito da Xunta, formado polo PSOE e o BNG con Emilio Pérez Touriño de presidente, a posta en marcha dun plan de axudas para que os concellos puidesen atender os danos. Por ese motivo, os alcaldes piden que se actúe agora da mesma forma.
Quéixanse de que agora a Xunta queira que se repartan os custos das obras derivadas das desfeitas das choivas entre os concellos, cando en 2009 Alberto Núñez Feijóo pedia que o goberno autonómico e o nacional asumise eses gastos. E sinalan que as choivas deste inverno con picos superiores aos 100 litros por metro cadrado, durante varios días, provocaron danos, polo que entenden que é necesario que a Xunta cubra con axudas os máis de 4,5 millóns de euros de danos causados nos 33 concellos máis afectados.
Os alcaldes esixen ademais a Augas de Galicia que asuma a limpeza das canles dos ríos para evitar que as choivas provoquen novos asolagamientos nos centros urbanos.
ARRANXOS EN COLEXIOS
Por outra banda, a Valedora do Pobo anunciou que admite a trámite as denuncias dos alcaldes socialistas polos protocolos que eles entenden "discriminatorios" presentados pola Consellería de Educación para arranxar colexios en varios dos concellos da provincia, como Cuntis, Cambados ou Caldas.
Na reunión, os rexedores apuntaron que se descoñecen os criterios empregados pola Xunta para autorizar as obras nos centros públicos e as cantidades asignadas no convenio asinados con estes concellos.
Relacionadas:
-
Medio Ambiente remata un plan de asolagamentos de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Os socialistas esixen á Xunta que asuma o cento por cento das axudas polos danos das riadas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Augas de Galicia só se compromete a "estudar" as demandas do Concello de Cuntis
Por Oskar Viéitez |