Augas de Galicia só se compromete a "estudar" as demandas do Concello de Cuntis
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, reuniuse este venres en Santiago de Compostela, co director de Augas de Galicia, Roberto Garrido, e co subdirector xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico. A dito encontro tamén asistiron o voceiro do grupo municipal de Veciñanza e o do BNG dado que a solicitude de reunión partira dun acordo do pasado pleno ordinario, ao cal non asistiu o Partido Popular.
Na xuntanza tratáronse as actuacións necesarias no río Gallo polo problema das enchentes e estudáronse as medidas a tomar despois da publicación do plan de risco de inundacións, entre elas, incluíuse a limpeza da conca.
Tamén se falou do saneamento de Cuntis, se fixo unha esculca das obras realizadas, salientando que a aportación de auga o día de hoxe segue sendo a mesma ou maior. Asi mesmo, o tanque de tormentas, unha solución ao colector do bombeo de Calvos e a solicitude por parte do Concello dunha parada técnica para a depuradora de Meira foron outros dos puntos abordados.
Respecto do saneamento de Troáns, falaron das deficiencias técnicas atopadas dende o seu inicio, que segundo lembraron os responsables municipais, Augas de Galicia nunca deu solucionado.
En canto ás depuradoras de núcleos rurais, o Concello presentou un proxecto para a súa mellora e legalización.
Finalmente na reunión tamén se tratou o Plan Umia de Xestión do Encoro da Baxe. Os representantes municipais expuxeron a necesidade de conservación medioambiental tanto da contorna como do propio encoro do Umia, que actualmente se atopa en estado de total abandono.
Así mesmo, preguntaron polo investimento prometido no Plan Umia (22 millóns de euros no periodo 2011-2015) ao que os responsables de Augas de Galicia non ofreceron resposta.
En resumo, e segundo trasladou o concello, o único compromiso é de estudiar os temas tratados e trasladar a información solicitada.
Relacionadas:
-
Alcaldes do PSOE reclaman a Núñez Feijóo un plan de axudas para afrontar os danos das inundacións
Por Redacción |
-
Sen acordo parlamentario sobre o problema das enchentes en Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas esixen actuacións no río Galo para previr enchentes en Cuntis
Por Redacción |
-
Un proxecto piloto buscará solucións ás inundacións do río Gallo en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis reclama a Augas de Galicia o arranxo do paseo do río Gallo
Por Redacción |
-
Posta a punto da rede de saneamento cuntiense
Por Redacción |