Sen acordo parlamentario sobre o problema das enchentes en Cuntis
Por Oskar Viéitez
A parlamentaria do BNG, Carme Adán, instou á Xunta, a través dunha proposición non de lei, na comisión de Ordenación do Territorio a iniciar as accións necesarias para resolver as enchentes no concello de Cuntis provocadas polo caudal que baixa polo río Gallo e que afecta gravemente ás vivendas e negocios.
O deputado do grupo popular Jesús Goldar explicou que a Xunta "ten declarado a zona do Umia como absolutamente prioritaria dentro do Plan de Xestión do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa e na actualidade xa está deseñando as actuacións específicas a desenvolver nesta zona".
A deputada do BNG instou á Xunta a realizar actuacións urxentes na conca do río Gallo, limpar a conca do río e mellorar as obras de saneamento no Concello de Cuntis e preguntou como foron investidos os 22 millóns de euros do Plan Umia.
Pola súa parte, Jesús Goldar, respecto da limpeza da conca do río Gallo, apuntou que "é algo que a Xunta ven facendo de forma habitual, a pesar de que non ten a obriga de facelo". En concreto, dixo que se teñen realizado varias actuacións de mantemento e conservación no río dende o 2010 cun investimento próximo aos 30.000 euros. "Sen ir máis lonxe, a última intervención realizouse en marzo deste mesmo ano e consistiu na retirada de atrancos e árbores caídos no entorno da Ponte dos Albariños en Cuntis", dixo.
Na réplica, Carme Adán reiterou que son os propios veciños e a corporación municipal os que demandan "medidas concretas" para resolver as enchentes en Cuntis "e a Xunta só nos responde que xa se está a facer cando é falso xa que nin sequera están contempladas no Plan de xestión de inundacións".
Pola súa banda o popular Jesús Goldar apuntou que "sería necesario que o Concello de Cuntis tamén se implicase co saneamento do seu municipio, principalmente porque é a súa competencia", polo que demandou dos deputados do BNG que "trasladen aos seus compañeiros na corporación, agora xa no goberno, que impulsen o acordo plenario, xa que os seus concelleiros de antes non o fixeron".
Finalmente os parlamentarios non acadaron acordo ningún.
Relacionadas:
-
Cuntis urxe a limpeza do río Gallo para evitar males maiores
Por Oskar Viéitez |
-
Veciñanza de Cuntis urxe a limpeza do río Gallo
Por Redacción |
-
O BNG demanda en Cuntis solucións para as inundacións e apoio ao patrimonio termal
Por Redacción |
-
Os socialistas esixen actuacións no río Galo para previr enchentes en Cuntis
Por Redacción |
-
Augas de Galicia só se compromete a "estudar" as demandas do Concello de Cuntis
Por Oskar Viéitez |