Sanxenxo reforzará a limpeza en praias coa incorporación de 17 novos operarios. Queres ser un deles?
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abrirá o luns o prazo para participar no proceso de selección das 17 prazas convocadas para reforzar a área de limpeza de praias durante a campaña de verán a través de contratos a tempo parcial cunha duración aproximada de dous meses e unha xornada semanal de 25 horas.
Estes 17 novos operarios reforzarán o servizo de limpeza en praia que xa está operativo e ao que o goberno local destinou a 15 traballadores contratados a través da Deputación Provincial de Pontevedra.
Desde o luns día 13 ata o venres 17 os interesados poderán presentar no rexistro municipal.
As tarefas que realizarán os seleccionados consistirán no baleirado das papeleiras das praias, retirada de residuos da área de limpeza en zonas verdes anexas aos areais, incluídos paseos, carreiros e vías de acceso, recollendo os residuos e realizando un mantemento de roza, limpeza, e nivelación da area nas saídas naturais de augas pluviais.
O persoal encargarase tamén da retirada de algas e do seu traslado ao vertedoiro autorizado, do mesmo xeito que dos outros residuos depositados na area, todo iso baixo a supervisión e control das concellerías correspondentes.
As probas de selección realizaranse no Pazo Emilia Pardo Bazán o próximo día 22, onde os candidatos terán que superar un exame oral no que se valorarán aspectos relativos aos seus coñecementos tanto do municipio como dos labores para desempeñar, a súa dispoñibilidade horaria, experiencia, antigüidade como desempregado, cargas familiares e nivel de renda.
REQUISITOS
Para participar neste procedemento os solicitantes deben contar con nacionalidade española, sen prexuízo do disposto no Estatuto Básico do Empregado Público respecto ao acceso ao emprego público de traballadores doutros estados, non sendo admitidas aquelas persoas menores de 16 anos ou que excedan a idade máxima de xubilación forzosa.
Entre os requisitos esixidos atópase tamén o de posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais do posto e non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública ou en calquera dos supostos que contempla a Lei 7/ 2007 do 12 de abril.
Relacionadas:
-
121 persoas aspiran ás 17 prazas para traballar na limpeza de praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Bañistas e socorristas estrean o verán en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo
Por Redacción |
-
As praias de Sanxenxo inauguran tempada
Por Redacción |
-
Es profesional da cociña? Sanxenxo oferta máis de 100 empregos para este verán
Por Redacción |
-
Domino's Pizza busca traballadores para o local que abrirá en Pontevedra no mes de xuño
Por Redacción |