121 persoas aspiran ás 17 prazas para traballar na limpeza de praias de Sanxenxo
Por Redacción
Un total de 121 persoas aspiran a traballar este verán na área municipal de limpeza de praias, que como cada ano reforzarase para atender as necesidades propias do período estival. Así o confirmou o departamento de Persoal do Concello de Sanxenxo tras culminar o prazo de presentación de solicitudes para concorrer ao proceso de selección de 17 operarios que desempeñarán a súa función a tempo parcial cunha duración aproximada de dous meses e unha xornada semanal de 25 horas.
As probas que deberán superar os candidatos terán lugar o mércores no Pazo Emilia Pardo Bazán e realizaranse por quendas, en grupos organizados por orde alfabética.
Consistirán nun exame oral no que se valorarán aspectos relativos aos coñecementos dos aspirantes sobre os labores para desempeñar, o coñecemento do municipio, dispoñibilidade horaria, experiencia, antigüidade como desempregado, cargas familiares e nivel de renda.
As tarefas encomendadas aos seleccionados consistirán no baleirado das papeleiras das praias, retirada de residuos da área de limpeza en zonas verdes anexas aos areais, incluídos paseos, carreiros e vías de acceso, recollendo os residuos e realizando un mantemento de roza, limpeza, e nivelación da area nas saídas naturais de augas pluviais.
O persoal contratado ocuparase asimismos da retirada de algas e do seu traslado ao vertedoiro autorizado, do mesmo xeito que dos outros residuos depositados na area, todo iso baixo a supervisión e control das concellerías de Persoal, Servizos e Medio Ambiente.
SOCORRISTAS
A praia de Silgar volverá ser o martes escenario de novas probas de selección de socorristas, para ampliar desta forma a Bolsa de Traballo creada para este fin e co obxectivo de dispoñer do persoal necesario para o servizo de vixilancia en praias durante todo o verán.
Relacionadas:
-
Os populares sinalan as carencias das praias en Sanxenxo
Por Redacción |
-
As praias de Sanxenxo, totalmente operativas desde este venres
Por Redacción |
-
Prohibiría fumar na praia?
Por Oskar Viéitez |
-
Prohibidas as fogueiras nas praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo reforzará a limpeza en praias coa incorporación de 17 novos operarios. Queres ser un deles?
Por Redacción |