Prohibiría fumar na praia?
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia está a elaborar unha listaxe de praias nas que se prohibe fumar. O departamento autonómica dirixiu un escrito aos concellos convidándolles a que se somen a esta iniciativa.
Ademais das vantaxes que esta medida supón para a saúde e a limpeza das praias, este programa autonómico supoñerá para os concellos unha publicidade extra a cargo da Xunta con repartición de folletos informativos e a inclusión dentro dunhas guías turísticas.
A proposta de praias libres de tabaco é unha idea do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que incluíu esta iniciativa dentro das medias para a promoción da saúde incluídas na denominada Estratexia Sergas 2020.
Xunto a ela atópanse outros tres novos proxectos "Lecer sen alcol", que persegue a creación dunha marca que distinga ofertas de lecer alternativo para menores de idade en discotecas ou similares onde se garanta a ausencia de alcol; o programa "Quitline tabaquismo", para poñer en marcha unha liña telefónica de apoio a fumadores en fase de deshabituación, atendida por profesionais e a que agora nos ocupa, o proxecto "Praias sen Fume".
Vázquez Almuiña foi pioneiro en adoptar esta medida, foi no ano 2012, durante a súa etapa como alcalde de Baiona cando vetou o tabaco na praia da Ribeira e Os Frades, un xesto que progresivamente se foi estendendo ao resto dos areais do ámbito da fortaleza de Monterreal.
Agora desde a súa nova responsabilidade como conselleiro trata de impulsar esta idea ao resto de Galicia. E a vostede, que lle parece? prohibiría fumar na praia?