Prohibidas as fogueiras nas praias de Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abre o luns o prazo para que todas aquelas persoas que desexen celebrar a festividade de San Xoan cunha fogueira soliciten o correspondente permiso. Como vén sendo habitual, será o Servizo Local de Emerxencias quen tramite estas autorizacións, polo que os interesados deben dirixirse ás dependencias situadas na estrada de Adina, de luns a venres de 9 a 14 horas e os mércores tamén pola tarde de 16 a 20 horas. Cabe tamén a posibilidade de entregar as instancias na Concellería de Medio Ambiente, situada en Vilalonga, no mesmo horario.
As peticións terán que entregarse ata o mércores día 22.
Non se permitirán actividades ou xogos que poñan en risco ás persoas nin a realización de fogatas nas praias, debido aos problemas de rexeneración que sofren pola combustión de materiais sobre a area.
Os solicitantes estarán obrigados a adoptar unha serie de medidas de seguridade como non abandonar a vixilancia da fogueira ata que o lume e as brasas estean totalmente apagadas, contar co persoal necesario para o debido control, realizar unha limpeza dunha franxa de 5 metros de ancho rodeando o perímetro que se vai a queimar; e controlar que non se arroxen ao lume aerosois, pneumáticos, nin ningún outro material contaminante ou perigoso.
Así mesmo, as fogueiras autorizadas en vía pública deberán distar polo menos 25 metros das edificacións próximas e ter menos de 2 metros de diámetro. Para evitar a deterioración do pavimento, nelas utilizarase como base unha grosa capa de area, e naquelas que se executen fora dos núcleos urbanos e nas condicións que estipula a lei 3/2007 sobre prevención de incendios forestais e demais normativa que os regulan.
Á súa vez, deberán retirar a localización da fogueira gardando unha distancia de seguridade de tendidos eléctricos, arboledos e outros elementos que poidan ser de risco e que por razón de altura puidesen verse afectados.
O incumprimento da normativa ou a presentación de datos non verídicos na solicitude será causa de cancelación do permiso e poderá levar unha sanción económica e a realización dunha fogueira sen o pertinente permiso estará suxeita á Lei de Prevención e Defensa contra os incendios forestais e o seu réxime sancionador.