154 cacharelas animarán a noite de San Xoán en Pontevedra
Por Redacción
A noite de San Xoán estará especialmente animada en Pontevedra. Un total de 154 fogueiras alumearán o ceo pontevedrés, 21 delas no casco urbano e o resto farano en 14 das parroquias do concello.
Dos 21 permisos solicitados para o casco urbano, sete son para fogueiras comunitarias e o resto peticións feitas a título individual.
Eduardo Pondal, A Seca, Valdecorvos, Monte Porreiro ou Rosalía de Castro son algúns dos puntos nos que haberá fogueiras nesta noite máxica.
De todas elas, a máis concorrida volverá ser, con total seguridade, a que se celebra en Eduardo Pondal. A cacharela, organizada pola asociación de veciños do barrio, estará situada nas inmediacións do Local de Música.
A partir das 21:30 horas repartiranse centos de quilos de sardiñas e chourizos. A fogueira acenderase contra as once e media da noite.
As fogueiras no rural distribuiranse da seguinte maneira: 7 en Alba, 10 en Bora, 9 en Campañó, 4 en Cerponzóns, 12 en Lérez, 14 en Lourizán, 15 en Marcón, 19 en Mourente, 1 en Ponte Sampaio, 20 en Salcedo, 4 en Tomeza, 7 en Verducido, 6 en Santo André de Xeve e 5 en Santa María de Xeve.
Os bombeiros revisarán a seguridade das fogueiras. Serán catro unidades de bombeiros máis dúas de Protección Civil, asignadas por zonas, as que inspeccionen que todo está en orde para que a noite de San Xoán discorra sen incidentes co lume.
Ademais, ata as dúas da madrugada estarán alerta, desprazados a bases por zona, coa fin de intervir se fora preciso.