Que Europa queremos? A Deputación abre o debate
Por Redacción
O vindeiro luns, 9 de maio, conmemórase o Día de Europa e a Deputación de Pontevedra está preparando unhas xornadas, abertas a toda a cidadanía interesada, para promover "A Europa que queremos".
Esta actuación pretende abrir un debate para concienciar á cidadanía da necesidade de salvagardar os dereitos das persoas e impulsar un modelo europeo diferente ó actual, un modelo baseado no respecto, solidariedade, paz e nos dereitos humanos, valores cos que se impulsou o nacemento da Unión Europea.
"A Europa que queremos" comezará ás 10:30 horas do 9 de maio no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra, coa lectura dunha declaración conmemorativa do Día de Europa a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva. A continuación, Celso Cancela, profesor doutor da área de ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e titular da Cátedra Jean Monnet "Understanding the U.E. in the 21st century", impartirá unha conferencia titulada "Cara onde camiña a Unión Europea".
Ás 11:30 un grupo de alumnos da Universidade de Vigo procedentes de Italia, Brasil, Rumanía, Francia e España participarán nun debate titulado "Como ves a Unión Europea: visións diversas" moderado por Celso Cancela. Ó remate terá lugar un intercambio de experiencias entre membros do programa Erasmus Plus e emprendedores que servirá para dar a coñecer os vínculos existentes entre a Deputación de Pontevedra e a Unión Europea.
As persoas interesadas en asistir a esta xornada poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web.