Un día para lembrar que "xuntos" as cousas son mellores
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Tal día como hoxe en 1950 o ministro de Exteriores francés Robert Schuman deu un histórico discurso no que expuña a idea de crear unha institución europea que mancomunase e xestionase a produción de carbón e aceiro entre Francia e Alemaña, abrindo as portas a unha nova forma de cooperación política entre os países do continente para evitar un novo conflito bélico.
Lembrando a Declaración Schuman este luns nove de maio celébrase o Día de Europa. Un día laborable en todos os países da unión.
No contexto actual no que a crise económica, a migratoria, a ameaza terrorista, o brexit, someten á Unión Europea a unha etapa convulsa, na Deputación de Pontevedra aproveitan esta data para recordar que "xuntos" as cousas son mellores.
"Desde a Deputación de Pontevedra non queremos permanecer alleos a esta realidade", proclamou a presidenta provincial, Carmela Silva na apertura da xornada "A Europa que queremos" que, segundo destacou non é a Unión que estamos a vivir hoxe en día na que "o desemprego, a pobreza, a perda de valores, o individualismo ou a xenofobia, que criamos ter superado, teñen agora que volver a ser desterrados".
Carmela Silva dixo con "claridade e contundencia" que "este é o modelo que impuxo a dereita" polo que a presidenta da Deputación fixo un "chamamento aos cidadáns para que reflexionen porque hai outras formas distintas de estar en política e defender políticas diferentes" acusando os políticos de dereita de "romper cun modelo que tanto necesitamos todos".
Por isto Carmela Silva asegurou que conmemorar o Día de Europa é hoxe "máis necesario que nunca. Porque a Europa que estamos a vivir non é a que queremos". Segundo dixo a presidenta da Deputación "precisamos volver á orixe de Europa e reivindicar, enxalzar e poñer en valor os principios cos que naceu, asentados na paz, os seus valores e o benestar dos pobos; na igualdade, liberdade e democracia; na solidariedade, cooperación e a xustiza; na tolerancia e non discriminación; no pluralismo, proxecto común e unidade e, por riba de todo, na defensa dos dereitos humanos, especialmente os dereitos das nenas e dos nenos, e o respecto á dignidade humana".
XORNADAS
As xornadas que este luns se desenrolan na Deputación empezaron coa conferencia "Cara onde camiña a Unión Europea" de Celso Cancela, profesor doutor de Ciencia Política e dá Administración dá Universidade de Vigo e Titular dá Cátedra Jean Monnet "Understandingthe U.E. in the 21st century".
Logo seguiu co debate "Como ves a Unión Europea: visións diversas", no que participou alumnado dá Universidade de Vigo procedente de Italia, Brasil, Romanía, Francia e España; e co intercambio de experiencias para divulgar vínculos existentes entre a Deputación de Pontevedra e Europa.