O Supremo ratifica a condena por branqueo ao narco Roberto Leiro e a súa familia, pero exculpa á súa cuñada e o marido desta
Por Natalia Puga
O Tribunal Supremo ratificou a condena imposta hai un ano pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ao coñecido narcotraficante de Vilanova de Arousa Roberto Leiro Santos e a súa familia como autores dun delito de branqueo de capitais, pero exculpou da condena a dous dos familiares, a súa cuñada, María del Carmen S.C., e o marido desta, Juan T.V..
A sentenza da Audiencia condenaba a Roberto Leiro, a súa esposa, a filla de ambos, os seus sogros, dúas cuñados e o marido dunha delas e agora o Supremo confirma todas as condenas excepto as dos dous referidos. No caso destes dous, o tribunal provincial impuxéralles seis meses de prisión e o pago dunha multa de 128.501 euros como autores dun delito de branqueo pero por imprudencia grave ao entender que ao admitir figurar como titulares dunha leira adquirida polo seu familiar, que se denominara O Salgueiral, "non tomaron as debidas precaucións" sabendo da relación de Roberto Leiro Santos co narcotráfico.
Estes dous acusados interpuxeron recurso de casación ante o Tribunal Supremo, do mesmo xeito que o resto de procesados e, no seu caso, o foi estimado. Eles denunciaban que se vulnerou a súa presunción de inocencia e alegaban que non podían ter coñecemento da actividade delituosa de Roberto Leiro, pero finalmente foron absoltos por razóns distintas das alegadas e é que o Alto Tribunal deu por probado que "no momento no que se adquire a leira O Salgueiral por parte de Roberto Leiro, aínda non comezara as súas actividades relacionadas co tráfico de drogas".
O Supremo conclúe que non pode establecerse que a adquisición da leira no ano 1996 se fixese con capitais procedentes do narcotráfico. Deste xeito, segundo a nova sentenza, aínda que nesa data os dous cuñados soubesen que Roberto Leiro fora xa detido por un delito de tráfico de drogas, e aínda que aceptasen colaborar en situar esa leira fóra da posible acción da xustiza, iso non supón a comisión dun delito de branqueo de capitais. O fallo abre a porta a que "puidese constituír outra figura delituosa", pero insiste en que "dela non foron acusados", de modo que estima o seu recurso e absólveos.
Esta absolución tamén implica un pequeno cambio na sentenza relativa a Roberto Leiro e a súa esposa, María Teresa Señoráns. A pena imposta para cada un deles na Audiencia Provicial foi de de cinco anos de prisión e o pago dunha multa de 1,6 e 1,5 millóns de euros, respectivamente, pero o Supremo reduce esa cantidade, pois se exclúe dos feitos probados que a cantidade que se di investida na adquisición da leira O Salgueiral e os 25.362,71 euros ingresados en conta durante os anos 1999 e 2000, procedesen do tráfico ilegal de drogas.
Desta forma, axústanse as multas tendo en conta o máximo impoñible en atención á cantidade anterior e ao valor dos vehículos comisados. Leiro deberá pagar unha multa de 1,5 millóns e a súa esposa, 1,4 millóns, isto é, 100.000 euros menos cada un.
O fallo xudicial da Audiencia tamén establecía o comiso de dous dos vehículos e o equivalente dinerario á suma de 590.682 euros que é a cantidade que a sentenza entendía que o narcotraficante arousán blanqueó investindo en dúas tendas de deporte en Cambados e unha en Pontevedra, así como na compra dun ático e a construción dunha mansión nunha leira de Cornazo, en Vilagarcía. O Supremo reduce o comiso á suma de 475.166,88 euros.
O resto do fallo queda igual, o que implica que, por actuar como homes de palla do narcotraficante e "aparentar ser os titulares" dalgúns dos seus bens, o tribunal provincial tamén condena á filla de Roberoto Leiro, Nuria Leiro Señoráns, a tres anos e medio de prisión así como ao pago dunha multa de 170.000 euros; e aos sogros, José Señoráns Señoráns e Balbina Cores Piñeiro a tres anos e medio e multa de 55.000 euros. Ao seu outra cuñada, Josefina S.C., imponlle seis meses por un delito de branqueo por imprudencia grave.
Relacionadas:
-
Condenan a cinco anos de cárcere por branqueo de capitais ao narco Roberto Leiro e a súa esposa
Por Oskar Viéitez |
-
O narco cambadés Roberto Leiro asegura que nunca gañou diñeiro coa droga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Roberto Leiro enfróntase a seis anos de cárcere por branquexar o diñeiro que gañou en oito anos de narcotráfico
Por Natalia Puga |