O narco cambadés Roberto Leiro asegura que nunca gañou diñeiro coa droga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este martes arrancou na Audiencia de Pontevedra a primeira sesión do xuízo contra o narcotraficante cambadés Roberto Leiro Santos e sete familiares seus acusados de lavar diñeiro negro procedente do tráfico de drogas, unha actividade da que asegurou que nunca gañou diñeiro.
Roberto Leiro conta xa no seu historial con dúas condenas por narcotráfico. A primeira en 1999 a catro anos e medio de prisión por un alixo de 36 toneladas de haxix achado no Porto de Marín a bordo do "Volga I", e a outra condena de 12 anos de cárcere, se lle impuxo polo alixo de seis toneladas de cocaína intervido en 2003 a bordo do South Sea.
O fiscal antidroga de Pontevedra reclama unha pena de seis anos de prisión para Leiro Santos e para a súa esposa María Teresa S.C., e multas de 1,8 e 1,7 millóns respectivamente. Tamén está acusada a súa filla, Nuria L.S. para a que se reclaman cinco anos de privación de liberdade e unha multa de 240.000 euros.
Ademais séntanse no banco como presuntos homes de palla, tres cuñadas de Roberto Leiro e os seus sogros, acusados dun delito puntual de branqueo de capitais derivados do tráfico de drogas. Enfróntanse a penas de catro anos de prisión e ao pagamento de multas que oscilan entre os 35.000 e os 640.000 euros. O montante total das multas solicitadas polo fiscal neste caso suma máis de 5,2 millóns de euros.
O xuízo arrancou tras o intento dos letrados da defensa de invalidar a causa alegando a existencia dunha dualidade de investigacións por parte da Audiencia provincial e o Xulgado número un de Vilagarcía. Así mesmo alegaron a existencia de dilacións indebidas e a prescrición dalgúns dos delitos. O tribunal resolverá estas alegacións cando dite sentenza.
Aclaradas estas cuestións previas arrancou o xuízo co testemuño de Roberto Leiro quen respondeu ao fiscal Luis Uriarte que a pesar de dedicarse ao longo da súa vida ao tráfico ilícito de estupefacientes "por lo que estoy pagando justamente", nunca gañou diñeiro co narcotráfico, "estoy en la ruina total", dixo.
Segundo declarou o acusado, a orixe da súa fortuna encóntrase nos bateas que lle xeraron importantes cantidades de diñeiro "cada una de ellas me daba más de cinco millones de pesetas al año, como mínimo", aínda que o gastou porque "no soy ahorrador, soy un desgraciado en ese tema", explicou o tribunal.
A Fiscalía sostén que como consecuencia da súa actividade de narcotráfico se enriqueceu e, segundo Luis Uriarte, coa finalidade de ocultar o importante patrimonio obtido entre os anos 1995 e 2003, concertouse co resto dos acusados, todos eles parentes do seu núcleo familiar máis próximo.
Así o fiscal preguntou pola procedencia de tres tendas de deportes, dous en Cambados e outra en Pontevedra, a sociedade Salnés Sport, un dúplex, varios coches, un terreo e unha vivenda unifamiliar, entre outras propiedades adquiridas pola familia.
Roberto Leiro derivou na súa muller o manexo da economía familiar, tendo en conta que o se encontraba en prisión cando se produciron algunhas destas operacións de compravenda, "mi mujer y yo éramos independientes", insistiu.
Pola súa banda, a súa esposa María Teresa S.C. xustificou na orixe do diñeiro nas importantes ganancias xeradas polas tendas de material deportivo.
O fiscal puxo en evidencia as contradicións existentes entre as declaracións do matrimonio e o seu testemuño durante a instrución do sumario, algo que atribuíron ao "nerviosismo" por ver a toda a súa familia metida no calabozo.
A Fiscalía insistiu en que todos os procesados tiñan pleno coñecemento da procedencia dos fondos cos que se realizaban os negocios xurídicos, e aínda así consentiron en aparentar e simular ser titulares de bens mobles, inmobles e investimentos diversos cuxo auténtico titular era Roberto Leiro.
Desta forma, segundo o fiscal, deron entrada no tráfico mercantil lícito a diversas cantidades de activos patrimoniais procedentes do tráfico de drogas e contribuíndo conscientemente coa súa actuación ao encubrimento da orixe ilícita destes fondos.
A Audiencia reservou a sala durante catro días para a celebración deste xuizo.
Relacionadas:
-
O Supremo ratifica a condena por branqueo ao narco Roberto Leiro, pero exculpa á súa cuñada e o marido desta
Por Natalia Puga |
-
Condenan a cinco anos de cárcere por branqueo de capitais ao narco Roberto Leiro e a súa esposa
Por Oskar Viéitez |
-
A familia do narco Roberto Leiro intenta desvincular os seus ingresos irregulares do tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Roberto Leiro enfróntase a seis anos de cárcere por branquexar o diñeiro que gañou en oito anos de narcotráfico
Por Natalia Puga |