A Policía Local resolveu o pasado ano 55 conflitos entre pontevedreses mediante a mediación
Por Alejandro Espiño
Máis da metade dos asuntos entre particulares nos que mediou a Policía Local resolvéronse satisfactoriamente para ambas as partes. Así se recolle na memoria relativa ao grupo de mediación do corpo, un servizo posto en marcha a mediados de 2013 para solucionar pequenos problemas de convivencia, antes de que acaben nos tribunais ou poidan provocar algún conflito grave ou violento.
En total, os axentes desta unidade recibiron en 2015 un total de 55 solicitudes de mediación, dúas menos que o ano anterior. Delas, nun 53% delas (29) logrouse solucionar o conflito que requirira a intervención policial.
Neste sentido, a Policía Local lembra que só interveñen se así llo pide unha das partes e a outra acepta a mediación. "Non é cuestión de poñerse a favor dun ou outro, senón basicamente de aplicar o sentido común", sinalan desde o corpo, ao mesmo tempo que lembran que as actuacións son sempre confidenciais e que as solucións que se propoñan non serán vinculantes.
Neses 29 casos, a solución foi satisfactoria para ambas as partes e logrou resolver o conflito no que se mediaba. A eles súmanse outros 15 que aínda están en tramitación.
Pero en cinco destas solicitudes unha das partes non aceptou a mediación, mentres que noutros catro casos os axentes non lograron solucionalo. Nos dous restantes a unidade entendeu que non podían mediar no asunto en cuestión.
Ademais, máis a metade das 55 solicitudes de mediación facían referencia a problemas comunitarios (ruídos, tendidos da luz, convivencia con animais, etc.); mentres que unha de cada catro foron por conflitos causados por malas relacións entre veciños ou familiares. O resto de mediacións facían referencia a separacións de leiras, dereitos de paso ou alugueres de vivendas ou garaxes.
SERVIZOS HUMANITARIOS
Xunto con este servizo de mediación, a Policía Local desempeña outros labores que non están relacionadas nin con asuntos de tráfico nin con intervencións en cuestións do ámbito penal como roubos, furtos ou agresións. Son os denominados servizos humanitarios. E en 2015, os axentes do corpo municipal realizaron un total de 276 intervencións nesta materia.
Máis dun 71% delas, 126 en total, foron atencións a persoas que se atoparon indispostas na vía pública. Tamén son notables as intervencións en relacionadas con denuncias de persoas desaparecidas ou perdidas (51), asistencias en domicilios particulares (42), a axuda a pontevedreses con trastornos psiquiátricos (12) ou os casos con algún falecido (3), aínda que ningún deles por crimes violentos ou accidentes de tráfico.
Relacionadas:
-
A mediación da Policía Local segue resultando efectiva en máis da metade dos casos
Por Redacción |
-
A Policía Local atendeu unha media de 80 chamadas ao día durante 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Os atropelos na cidade, baixo mínimos: houbo 34 en 2015 e ningún con falecidos
Por Alejandro Espiño |
-
Barcelos é o lugar de Pontevedra onde se multa a máis vehículos por mal estacionamento
Por Redacción |
-
A Policía Local de Pontevedra patrullará con desfibriladores
Por Redacción |